Ninguén pon en dúbida o gran vencedor da noite electoral, aínda que tivese menos escanos e porcentaxe de votos que o seu maior rival. Iso si, Pedro Sánchez vai ter importantes atrancos para a acadar a investidura e vai ter que pagar un prezo alto, non sei se xusto ou non, co independentismo catalán, algo que poida que sexa alimento para que a dereita máis dura volva coa carraca do Goberno ilexítimo e o desprezo a miles de votantes que non pensan coma eles. É certo que haberá que vixiar eses acordos e poderanse criticar con dureza, pero o arco parlamentario representa toda a sociedade, mesmo aquela que non nos gusta e coa que un se ve separado por unha fronteira ideolóxica. Ser demócrata supón aceptar as regras e non podemos estiralas a nosa comenencia. Comprendo a vitoria amarga de Feijoo porque os medios e a propaganda elevárono máis do debido e instalárono nunha euforia tan anticipada que mesmo ousou desprezar as plataformas para que non o visen con Abascal, unha amizade non desexada, pero, por desgraza, necesaria. As incongruencias fóronse amoreando e nese silencio final houbo quen viu covardía e un exceso de soberbia no candidato popular. As contas saíron furadas, certamente, e sospeito que, se Pedro Sánchez logra un acordo progresista para formar goberno, Feijoo terao moi difícil para seguir á fronte do Partido Popular porque xa non valerán os argumentos da lista máis votada. O noso sistema parlamentario non é presidencialista e, unha vez máis, as eleccións veñen de ratificar unha diversidade á que a dereita máis moderada se podería achegar con Feijoo para mudar, axiña, as amizades e abrir a posibilidade de pactos con calquera formación que queira estar dentro da Constitución. Pero moito me temo que ese non vai ser o camiño de Ayuso e o seu partido.