Cifras, violencia de xénero e as invisibles

OPINIÓN

Salas | EFE

11 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

É certo que xa hai moito tempo que os medios de comunicación puxeron o foco no problema social da violencia machista e aí semella o lugar onde xestionamos a traxedia amosando a nosa indignación que só muda co nome das mulleres asasinadas.

Mais non desapareceu a invisibilidade deste problema cando só unha porcentaxe mínima das vítimas foi quen de dar o paso previo dunha denuncia que podería alertar do potencial perigo dun asasinato.

Non pode ser que un andazo semellante siga a se reproducir e atope silencios ou, o que é peor, a complicidade noxenta dalgún partido onde os futuros asasinos atopan un acubillo ideolóxico que reforza o fanatismo e a violencia exercida contra as mulleres. Ninguén dubida dos atrancos para evitar feitos que se producen as máis das veces na intimidade asfixiante do fogar, pero o problema é social, e sociais teñen que ser as solucións, sobre todo en datas festivas onde a convivencia é moito máis intensa, coa medra do consumo de alcol e a falta de recursos e apoio para que as vítimas atopen axuda.

Os gobernos terán que teimar con políticas realmente efectivas para acadaren a igualdade de xénero e facer máis campañas de sensibilización dirixidas a todas as idades e estratos sociais, esixiren unha preparación especial non só para docentes, que deben educar en valores de igualdade e sinalar o máis leve estereotipo machista detectado na aula, senón tamén para todos os axentes que poidan prestar apoio legal, psicolóxico, sanitario ou policial ás vítimas. E, sobre todo, a conciencia de que a violencia machista segue a ser un grave problema colectivo que nos atinxe e que nos obriga a contribuír solidariamente para construírmos un mundo de respecto e igualdade, onde as mortas deixen de ser, por fin, cifras.