Sen peregrinación, adeus Camiño

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

20 ago 2023 . Actualizado a las 22:54 h.

Hai corenta anos, un grupo de académicos, políticos e entusiastas decidimos abordar, desde posicións diversas, a posta ao día do fenómeno da peregrinación a Santiago, que quedara limitado a unha cuestión de fe e perdoanza. A incorporación de España á Unión Europea era unha oportunidade, e o Camiño de Santiago, que atravesaba distintos países con múltiples linguas e culturas, era un paradigma dunha nova realidade superadora de fronteiras e integradora das diferenzas. Este discurso laico, cultural e político foi impulsado polas institución europeas nun contexto que preconizaba os valores da paz, o humanismo e a democracia.

O Concello de Santiago tivo un papel significativo na proxección desta idea, no ámbito español e europeo e que estendeu ás cidades de Santiago en América. As institución europeas recoñeceron amplamente os méritos da cidade. Logo, o programa de iniciativa municipal, Compostela 93-99 trazou unha senda memorable que culminou no ano 2000 coa capitalidade europea da cultura.

Aquel discurso hoxe está abandonado. Europa ampliou o seu ámbito, está involucrada nunha guerra pero segue a ser a máis sólida experiencia política do mundo. O Camiño de Santiago globalizouse e perdeu o seu contexto orixinal. Os síntomas son preocupantes. Os países europeos, que antes traballaban ao unísono, fragmentaron os itinerarios en rutas de interese turístico que abranguen múltiples derivacións; na mesma Galicia estase a facer isto. Sempre haberá quen aduzan razóns para xustificar que calquera camiño a Santiago é Camiño de Santiago, xerando máis confusión. Compostela pode pasar a ser unha simple etapa dunha competición, e a peregrinación estase desdebuxando e perdendo esencialidade entre tanto negocio ilimitado con iniciativas moitas veces efémeras e sen sentido.

Por outra parte, xorde unha falsa contraposición entre laicismo e relixión, obviando o factor común da espiritualidade; nin Santiago é unha cidade santuario como Fátima, nin se pode ignorar o aspecto emocional de andar o Camiño. Quen non o entenda debería experimentalo.

A presión do turismo aumenta en todo o mundo, o patrimonio sofre máis do que pode aturar e, de seguir así, pode ser que os peregrinos empecen a deixar de vir. É obrigado, penso, poñer ao día o porqué da peregrinación nunha sociedade global na que tantas persoas, por motivacións distintas, deciden emprender a experiencia vital de andar a Santiago. Elaborar, en fin, unha nova filosofía que poidan compartir as institucións, a cidadanía e o sector empresarial de cara ao xubileu de 2027.