Un embarazo é unha revolución para un corpo. Transfórmase, modifícase, medra... segundo a natureza lle dita. Tras preparar os órganos para albergar unha vida dentro, prodúcese a milagre: o nacemento. Logo disto, as funcións do corpo volven ser as de antes. O corpo trata de volver ao seu lugar anterior.
Un embarazo dura uns nove meses. Simplificando todo moito, volver á situación anterior debera levar, aproximadamente, o mesmo tempo.
É bo coidar o corpo, claro. E a mente. Cadaquén faino segundo as súas posibilidades. Mais eu tamén animo a que levemos unha vida o máis sá posible. Cando estiven embarazada tratei de durmir ou descansar o que podía (que era ben pouquiño), non darlle voltas innecesarias á cabeza e deixarme levar polos acontecementos, alimentarme ben, manterme activa e facer as cousas por min mesma. A pesar das dores repartidas entre a cabeza e os pés, que non eran poucas.
Non tiven présa en volver entrar nos meus pantalóns. Quizais influíu o non depender da miña figura para traballar, ter seguidores nas redes, conseguir fama ou un ingreso económico. Se fose unha deportista de elite, unha modelo ou algo polo estilo, e tivese moitos cartos para evitar limpar a casa, ir mercar, cociñar, poñer a lavadora, lavar as nenas ou... o que fose, igual tería actuado doutra maneira. Cadaquén ten as súas prioridades. Non debemos enfadarnos por iso, e moito menos insultar a quen actúa de maneira diferente.
Eu quería chegar a casa e gozar das nenas. Polo corpo non sentía urxencia.