Foi unha frustración na miña xuventude. Apaixonábame bailar o tango, pero non o facía ben. As parellas moviámonos pola pista, pero deixabamos de facelo para admirar algunha con comunicación perfecta dos seus corpos, que esvaraba polo salón e facía colgadas, xiros e enrosques nun baile sensual que, como alguén dixo con agudeza, «expresa en forma vertical un sentimento horizontal». Conste que o tango, nado a finais do XIX nos arrabaldes de Buenos Aires, era bailado por parellas de homes, e quen queira coñecer aquela primeira versión ten en internet vídeos excelentes dos irmáns De Fazio. Porén, o tango condenado pola igrexa arxentina e despois en Francia polo cardeal Amette foi o bailado por home e muller. En 1914, o cardeal promoveu unha cruzada contra o tango en Europa, pero o papa Pío X non excomungou os tanguistas despois de ver a actuación honestísima dunha parella que semellaba da Adoración Nocturna. En España os bispos non ousaron condenalo porque o rei Alfonso XIII era un afervoado tanguista.
A prohibición do tango en España chegou coa de todos os bailes, despois do triunfo do Alzamiento Nacional. Xa en 1939 o gobernador civil de Ávila prohibiu por inmorais «todos los bailes públicos y privados, excepto la jota serrana, de tanto sabor en esta provincia». En 1943, o padre Avellanosa explicaba polo miúdo os perigos do baile: «El contacto prolongado de caras, pechos, cinturas y vientres encierra enorme capacidad de las más graves excitaciones sexuales, cuyo fin lujurioso conduce al placer de la fornicación, completo e incompleto. El baile es el ejercicio público de la lascivia». E o cardeal Segura fíxoo con palabras de Pedro Calatayud, prestixioso xesuíta do século XVIII: «El baile es gavilla de demonios, estrago de la inocencia, solemnidad del infierno, tiniebla de varones, infamia de doncellas, alegría del diablo y tristeza de los ángeles». Tan certos estaban os moralistas do franquismo de que o baile era cousa do demo que encheron España de carteis coa súa imaxe para advertiren do perigo á xente moza.
Todo cambiou e o tango é, desde 2009, Patrimonio Inmaterial da Humanidade, e en 2014 miles de parellas bailaron na praza de San Pedro, para agasallaren o papa Francisco, tanguista confeso, no seu 78 aniversario.
Ao visualizar un tango bailado recordo sempre o que Al Pacino, no papel dun coronel cego, e unha linda Gabrielle Anwar de 22 anos interpretan en Esencia de muller. Así —penso— debeu de ser o último tango que bailei en Ferrol. A el valeulle un Óscar e eu deixei a construción naval polo xornalismo. Gañamos os dous.