Conectados para dividirnos

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

DADO RUVIC | REUTERS

27 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A revista científica Science vén de publicar unha serie de macroestudos que analizan como os algoritmos da rede social Facebook afectaron ás eleccións presidenciais dos EE.UU. en 2020. Nas de 2016 houbera serias sospeitas sobre o rol desa rede na vitoria de Donald Trump e, para intentar limpar a súa imaxe, a empresa que a xestiona (Meta) abriu as súas portas a varios equipos de científicos independentes para que estudaran se eses algoritmos son un perigo para a democracia. O que fan eses algoritmos é sacar información sobre o que nos gusta, para darnos máis ración do que nos gusta. Iso, levado ao plano político, podería facer que nos polaricemos máis (algo que parece obvio na sociedade actual). Non só iso, a arquitectura destas redes podería facilitar que as persoas polarizadas caesen en noticias falsas e se rodeasen de acólitos que reforzaran o seu pensamento. Os estudos viron que a xente de bandos distintos consome noticias distintas e que a propensión a consumir noticias falsas depende da cor política, aínda que tamén se observou que, ao cambiar eses algoritmos (niso consistiron os experimentos levados a cabo durante as eleccións de 2020) a polarización política non se vía afectada. Ou sexa, aparentemente Facebook na súa configuración actual non fai que a xente cambie de voto, o cal supón un certo lavado de cara para a empresa Meta. Pero no 2016 funcionaba doutro xeito e, sobre todo, abonda con alterar o voto dunha pequena porcentaxe (difícil de detectar nestes estudos) no grupo de indecisos para dar a volta ao resultado.