Sucesivas e seculares vagas de eliminación e deturpación dos nosos nomes de lugar non deron eliminado a nosa maneira de nomear todos os espazos do noso país. A forza despregada durante tantos anos polo poder político, xudicial e económico non calou no pobo, que continúa a nomear os seus espazos polo nome xenuíno, lexítimo e, desde hai 40 anos, único oficial.
Galiza, representando territorialmente apenas o 6 %, concentra case o 60 % dos núcleos de poboación do Estado español, cada un deles co seu nome. Nomeamos cada núcleo mais tamén cada predio, cada leira, cada espazo, e temos neles unha referencia única para o coñecemento da nosa propia cultura, historia e, por suposto, da lingua.
A Coruña, Ourense ou Sanxenxo, de novo veñen de fóra dicirnos como temos que falar e nomear as nosas cidades, vilas, parroquias e lugares, e que non é válida a forma lexítima e auténtica que galegas e galegos demos a todos os espazos do noso territorio, indisociábel da nosa historia, da nosa cultura e da nosa lingua propia. Esa pegada sobre o territorio dun pobo, o galego, con idioma de seu e capacidade de dar nome a todo, é a que, sen éxito, se quere apagar.
Xa non é só que en moitas ocasións se aproveite a reparación de sinais para voltar á deturpación, que permanezan nomes mal escritos en formularios e webs de organismos públicos, que representantes públicos participen en actos que fan gala da castelanización ou hibridación, ou que unha canle pública de televisión decida que a lei non se aplica. Hoxe, un dos elementos con máis incidencia na última vaga castelanizadora son as aplicacións de xeolocalización. O caso máis coñecido é o de Google Maps, que se reproduce a través doutras aplicacións, redes sociais ou páxinas web, e introduce, ao tempo, novas deturpacións en nomes de lugar que até o de agora non se viran afectadas polas ondas anteriores.
Isto acontece a pesar de que a Lei de Normalización Lingüística fai 40 anos e de que a acción colectiva conseguiu que o seu artigo 10 estabelecese que «a única forma oficial dos topónimos é a galega». Porén, a claridade deste artigo foi incapaz de mudar a actitude de todos os poderes contrarios á normalización do noso idioma. Non son só campañas puntuais as que pretenden eliminar a nosa toponimia. É tamén o silencio, complicidade ou participación directa dos poderes públicos perante o uso reiterado e sistemático das formas deturpadas. Que non nos borren do mapa.