A inflación do aceite

OPINIÓN

Luis Tejido | EFE

02 sep 2023 . Actualizado a las 18:56 h.

Cando de neno me preguntaban que pesa máis, un quilo de chumbo ou un de plumas, pensaba que, se me caía ese peso na cabeza, por forza, o golpe do chumbo sería moito máis doloroso e contundente. Se hoxe me preguntan que vale máis, un litro de aceite ou un de viño, se o hai que beber, certamente, decantaríame polo segundo. Pero a realidade está a ser outra e o aceite, tan necesario, está a se converter nun artigo de luxo, nun ouro líquido que, sen dúbida, afecta a inflación porque non deixa de ser un ben de primeira necesidade ao que non podemos renunciar. Se queremos fritir unhas patacas ou guisar non queda outra que pagar por el. Este requisito fai que lembre un veciño da miña vila que sempre que me ve me pide un euro para aceite. Hai quen di que a cabeciña non lle rexe ben, pero eu non estou tan certo, porque ten unha memoria prodixiosa e lembra acontecementos da infancia compartida que eu tiña totalmente esquecidos, os máis deles relacionados con partidos de fútbol nos xuvenís do Antela F.C. Ás veces, cando recupera eses feitos con tanto detalle, pregúntome se non estará dotado con máis imaxinación ca memoria. Eu apostaría que non, porque a convicción con que mos conta, conduce á impresión de que el só manexa datos concretos e reais. Por iso, esa peaxe dun euro ten sempre unha recompensa para min, ilumíname sobre a miña propia memoria e adoita inspirar algún artigo ou, coma a última vez, unha páxina de novela. E, como nas vilas pequenas todo se sabe, alguén lle foi coa noticia de que eu falaba del nun meu libro e, o outro día, ao que me viu na praza Maior, achegouse axiña para me pedir para o aceite, pero desta volta non foi un euro, senón cinco, suba que non sei se se debe a dereitos de autor ou inflación.