![](https://img.lavdg.com/sc/LHX2axT0UEnxusLdAhmZ_6_onGw=/480x/2023/09/16/00121694879762395183645/Foto/eup_20230906_091218042.jpg)
Poucas cousas tan conmovedoras coma os ollos dos nenos e as nenas que acuden estes días por primeira vez á escola. Lembro aquel samba de Nelson Cavaquinho, Folhas secas, no que o poeta evoca os seus primeiros anos escolares ao tempo que pisa as follas que caen dunha árbore, unha vella mangueira. Estes días de setembro, nas portas do outono, traen a nosa memoria o arrecendo dos pizarrillos, os cadernos sen estrear, o rebumbio dos compañeiros subindo as escaleiras, a goma de borrar, aquela profesora linda da que todos estabamos namorados… Certo que hai estampas menos agradecidas, coma o neno pobre do debuxo de Castelao que se resiste a entrar porque a escola «cheira mal» e porque non entende nada do que lle di o mestre. Pero a memoria é selectiva, van moitos anos dende entón, e para estes días de estrea só teño bos recordos.
Bos recordos e agradecementos. Que sería de nós sen aquelas primeiras luces, malia as limitacións dos mestres, que as tiñan, e o tempo cativo que nos tocou vivir, van alá case sesenta anos? Que sería de nós sen o amor (e a infinita paciencia) dos profesores e as profesoras? Lembro a primeira vez que levaba eu da man ao meu irmán, que non quería entrar, porque lle daba medo, e a linda María, a «señorita», agardando por nós no alto da escaleira, coma quen guía unha parella de cordeiriños novos. E as cancións, e o mapa dos ríos de Europa, e unha táboa na parede para levar as contas… Tamén un retrato de Franco e outro de José Antonio Primo de Rivera. Pero xa dixen que o tempo peneira a memoria e nesas idades un só lembra cousas felices.
Vexo os pequenos e as pequenas agardando á beira da estrada polo autobús escolar. E as nais e os pais a despedilos coma quen inicia unha arriscada singradura. Certamente, o mundo empeza aquí, e non quixera deixar pasar a data sen unha referencia, tamén homenaxe, aos profesionais do ensino que entregan horas, arte e coñecementos para poñer as primeiras pedras: para que non os esquezamos nunca. Ánxeles e Isabel Abelleira, que levan anos traballando e investigando neste universo dos primeiros pasos do ensino, premiadas internacionalmente, manteñen vivo o seu blog InnovArte dedicado á educación infantil, e comparten experiencias dende Galicia (Ames) con medio mundo, sobre todo con Latinoamérica. A base está nos primeiros anos, repito. Aquí está o principio de todo. Repaso a parede do seu blog e quédome cunha fermosa experiencia para iniciar os máis pequeniños na escola: fan o camiño andando, sen os pais, por entre o bosque e as paisaxes semiurbanas, e van deixando pistas, pedriñas e miguiñas de pan, como no conto do Pulgariño. «Cando emprendemos o camiño de volta —conta a historia do blog— deixamos que os pequenos vaian diante, guiándose polas pedras que deixaran. Tan só nos fallaron os paxaros, que disculpamos polo exceso de calor».
Hai fotografías.