Para Camba, os costumes patriarcais do porco galego ían desaparecendo porque o animal progresaba. Pero, máis alá de ironías, que progreso pode haber nun porco que nace para ser sacrificado e usado como alimento?
É o destino de moitos animais, con certeza, pero o do porco arrastra toda unha historia de agravios que nos retrata como seres desagradecidos e inhumanos. E non me refiro a culturas como a xudía ou a musulmá, que o desprezan por impuro, non. Refírome a outras, como a nosa, que semellan adoralo, con vilas que o honran mesmo con estatuas ou monumentos, ou veciños que non lle emprestan o mesmo trato doméstico que si lle dispensan a algún outro animal que anda pola casa e, como di esaxeradamente un meu amigo, está investido con máis dereitos cás persoas.
Por riba, nin sequera o cine, quitando algunhas películas infantís, foi xeneroso co porco. Mesmo o burro, outro animal que tamén tería moito de que se queixar, ten películas recentes como Eo, de Jerzy Skolimowski, que o dignifican e converten en protagonista exclusivo.
O porco amorea unha ringleira de sinónimos pexorativos cos que alcumar a poboación dunha vila enteira.
Moitos amigos da miña xeración comparten a memoria destes animais que vivían na casa dos avós e foron enchendo o noso bandullo e tamén a percepción máis seria do mundo, con marcas, como a matanza, que fican gravadas, non coma un trauma senón coma un abraio. E se o porco xa non nos daba dabondo con todas as partes aproveitables do seu corpo, agora seica achega embrións para que se desenvolvan riles humanos e se abra a vía de creación de órganos que se poidan transplantar. Iso debería erguer o seu prestixio entre nós e devolverlle a pregunta a Camba.
Pensemos: quen é o que progresa, o porco ou o ser humano?