Están as redes sociais inundadas de creacións realizadas con intelixencia artificial. Unha aplicación combina paisaxes con figuras humanas para formar composicións simpáticas. Outra modifica os diálogos dos vídeos, mantendo a voz pero traducíndoos a outro idioma. A intelixencia artificial fainos dubidar da realidade. O obxectivo é o de botar unhas risas. Pero, como todo, estas ferramentas poden utilizarse tamén con fins máis retorcidos que nos poden facer vivir situacións desagradables.
Hai aplicacións que modifican as persoas que aparecen nunha imaxe e as presentan espidas. Saben o dano que pode causar isto? Non é ningunha broma, sexamos menores ou adultos.
Todos sabemos que as mentiras corren máis lixeiras que as verdades. Fabular non custa moito e o bulo, sen base ningunha, espállase coma un virus. Restablecer a verdade... xa é un traballo máis custoso. Moito máis custoso.
Lembran o caso Arny? Os falsamente acusados quedaron marcados de por vida. Por moito que logo se demostrase que era todo calumnia, lembran os nomes de quen puxeron na palestra? Si. E o dos mentiráns que só buscaban cartos? Non.
Imaxinen que se empeza a difundir unha fotografía, creada con intelixencia artificial, na que sae vostede en coiros. Esa imaxe xa non se vai borrar xamais da retina de quen a reciba, especialmente se o coñecen. Dá igual que logo se descubra que non é real. É máis. Sempre haberá alguén que quedará coa dúbida. Espirse en contra da vontade, aínda que sexa artificialmente, é traumático.