
Hai uns días, o Tribunal Constitucional botou por terra o recurso que presentara o PP contra a eutanasia, como xa antes fixera co do matrimonio igualitario ou o aborto. Iso quere dicir que se entende que a lei aprobada polo Goberno aínda en funcións, relacionada co dereito a unha morte digna, é perfectamente acorde coa Constitución. Así pois, péchase o percorrido e a lei queda aí con, perdón por redundar, toda a lei.
A palabra eutanasia vén do grego e significa «boa morte». Simplemente con entender a frase anterior xa non se debería ninguén opoñer a unha lei que permite que algo polo que imos ter que pasar todos sexa nas mellores condicións posibles. Como se pode non desexar unha boa morte? Como pode ser mellor alongar (artificialmente a través de fármacos, alimentación intravenosa, etcétera) a vida cando xa non hai posibilidade ningunha de curación e, sobre todo, cando as condicións de suposta vida son xa indignas?
En realidade, cando falamos dunha morte digna do que estamos a falar é da vida. Puidera parecer que falamos da morte, pero non, estamos a falar da vida. A reflexión filosófica, a única posible sobre este asunto, obríganos a definir que entendemos por vida e, sobre todo, que entendemos por «propia vida». Vivir non é só que o corazón latexe. Vivir é facelo conscientemente e, sobre todo, facelo en pleno exercicio dunha das características que máis e mellor nos definen como humanos: a liberdade sobre a propia existencia.
Somos libres se podemos decidir como vivir pero tamén como queremos morrer, sobre todo se o deixamos claro e transparente mentres estamos gozando da nosa lucidez madura. E somos libres se podemos dicir, sobre todo, como non queremos morrer. Se deixamos claro que, chegados a certo punto de deterioro extremo, a un lugar onde a curación é imposible, a un estado, en definitiva, onde a vida xa non é vida, daquela, pídolle ás autoridades sanitarias que fagan un derradeiro acto médico que ten que ser o de axudarme a morrer en paz, sen dor, en calma e con seguridade. E si, dixen «acto médico». Haberá quen retruque e diga: a medicina está para salvar vidas. Pois exacto, concordo. Cando a suposta vida xa non o é senón que é tortura, dor, sufrimento e desesperación, coidar da vida, salvala, pode ser un acto médico.
Non é planteable que o persoal médico, que non me coñece, que non sabe os meus desexos, que non sabe como penso e como organicei a miña existencia, tome a decisión por min e me manteña agonizando quen sabe canto tempo seguindo esa máxima (que vén de séculos de tradición relixiosa) de que hai que conservar a vida a calquera prezo. Incluso contra a vontade de quen expresou que así non quere morrer, Incluso contra o sentido común, a humanidade e a caridade que debemos ter sempre para evitar o sufrimento dos nosos semellantes.
Neste tema, a relixión non pinta nada. Sobre todo para os que non somos relixiosos. E ata deberiamos ver canto de humano ten a famosa «obxección de conciencia». Quero vivir ben. E quero morrer ben.