Ide (ver) ao corno

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CURTOCIRCUITO | EUROPAPRESS

07 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa non serve a escusa de que co galego non se pode saír a ningures. Ha! Moitas xa o sabiamos pero... quen quería sementar a dúbida e o medo, pode enviar esta estrataxema ao corno.

Jaione Camborda é a primeira directora española que consegue unha Concha de Oro no Festival de Cine de San Sebastián. A película que a fai merecente do galardón é O corno. Si, así en galego, pois está desenvolvida, maioritariamente, neste idioma e nesta comunidade.

Por riba, o filme é tremendamente noso. Púxolle de título O corno pero tamén podería ser O corpo. A película métese dentro dunha e queda aí. Fala dunha planta, pero máis aínda o fai das nosas raíces, das nosas mulleres. Entendina coma unha análise das fronteiras, dos arames nos que facer equilibrio, das estremas. Non só das físicas. Ás mulleres que protagonizan a historia cústalles respirar.

É un retrato de vida mesma. E si, contado desde aquí, coas palabras de aquí, co sentir propio, desde a nosa xeografía galega.

Di a súa directora que o festival de cine foi un outeiro desde o que poder estender distintas olladas. Porque a diversidade non fai máis ca enriquecérmonos, facernos máis libres.

Grazas, Camborda. Hoxe nós, as mulleres, o galego e toda Galicia somos un pouco máis libres. Que co galego non se pode ir a ningures?

Só vos digo: ide (ver) a O corno. Eu xa o fixen, apertando moito os dentes. A historia non me abandonou logo da última escena. Seguín coa mandíbula tensa. Pero hoxe volveuse sorriso.

Parabéns, equipo! Viva o noso cine!