Lentes

OPINIÓN

Sarah Yáñez-Richards | EFE

12 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

De moi neno, lembro no barrio un veciño uns anos maior ca min que imitaba moi ben as voces dos demais e todos lle envexabamos a sorte de ter os pais emigrados en Francia, porque lle traían no verán uns artefactos que endexamais viramos nun país tan atrasado coma o noso, onde calquera obxecto de fóra nos parecía unha innovación: un lector de discos portátil, unha cámara Polaroid que retrataba no momento, unha gravadora pequena que el usaba para afondar na imitación, un reloxo dixital...

Do que máis se gababa diante nosa era das súas lentes de sol con poderes para ver espidas as persoas, por moita roupa que levasen enriba.

Daquela, na nosa inocencia, coidabamos que era certo e ficabamos abraiados cando el sentaba no Espolón e vía o desfile de mulleres saíndo da misa.

Os acenos deste veciño eran tan elocuentes que eu non dubidaba do adianto francés, secundado pola complicidade dun seu amigo que, non sei por que, lle seguía a corda e usaba tamén as lentes para ratificar aquela visión sobrenatural á que non tiñamos acceso os máis cativos.

Durante un tempo, cando o vía coas lentes postas, procuraba evitalo para que non me espise e se burlase de min. Escuso dicir que este veciño nos caía mal a case todos. Sospeito que era un sentimento unánime no barrio. Mais iso non quita para que fique na nosa memoria e se poña de actualidade coas derivas que está a tomar a intelixencia artificial con respecto ás voces e os espidos.

Dalgún xeito, el tamén tivo algo de pioneiro local con respecto a estas cousas. A diferenza esencial está en que o poder daquelas lentes descansaba na súa imaxinación, que tan ben cadraba coa nosa inxenuidade.

Hoxe, esa realidade desprazou a imaxinación, e os perigos son evidentes porque deixan a inocencia en mans da extorsión e a violencia.