Tras o ataque terrorista ao territorio de Israel, dunha violencia e crueldade bestiais, as potencias mundiais proclamaron: Israel ten o dereito a defenderse. E Israel, que non necesitaba ser animado para lanzarse á vinganza, iniciou a sistemática destrución da Franxa de Gaza, un territorio no que viven desde a súa fundación palestinos que non son terroristas, e que estivo controlado desde o primeiro momento polo Estado de Israel, que lles fornecía electricidade e auga e que só permitía a entrada de axuda humanitaria, de alimentos e medicamentos para a poboación civil. Agora, Israel cortou o subministro e Gaza non ten luz, auga nin alimentos. A súa poboación, máis dun millón e medio de habitantes, recibiu a orde de evacuar o lugar en vinte e catro horas, de iniciar un éxodo sen retorno cara ao sur, mentres Israel bombardea a Franxa sen distinguir escolas nin hospitais e matando, con idéntica crueldade que os terroristas de Hamás, á poboación civil. Nas redes aparecen informacións contraditorias e bulos de toda clase a favor e en contra dos dous contendentes nesta cruenta batalla, pero xeneralizouse un movemento de compaixón e simpatía cara ao pobo palestino, cara a esas persoas que son vítimas e que só desexaban ter un lugar onde vivir. En Europa e en Estados Unidos organizáronse manifestacións a favor dese pobo e alzáronse voces que piden que, quen pode facelo, free a Israel na súa escalada de vinganza. Oxalá que esas voces sexan escoitadas e non clamen nun deserto de indiferenza. Eu quero unir a miña voz, aínda que sexa pequena e insignificante.