Polonia e Arxentina

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

María Pedreda

26 oct 2023 . Actualizado a las 22:15 h.

E no medio o Senado español convertido en caixa de ritmos. O mundo político anda a velocidades insospeitadas e con direccións inesperadas nos tempos de hoxe. O triunfo de Donald Tusk nas eleccións lexislativas de Polonia pode ser unha vitoria fundamental, decisiva, para a democracia europea. Para Europa porque freou o antieuropeísmo que estaba a medrar naquel país, con racismo e peche de fronteiras incluído. Para a democracia porque freou á extrema dereita dende onde mellor pode ser freada, dende a propia dereita. Tusk, que foi presidente do Consello Europeo e líder do Partido Popular europeo, presentouse contra o partido de extrema dereita no poder e terá que pactar unha coalición con outros dous partidos para formar goberno. Historiador de formación, seguramente por iso argumenta que a extrema dereita contamina a quen pacta con ela. Sabe ben, por coñecemento histórico, que a extrema dereita resulta invencible na competición por ser máis patriota, máis belicista, máis de orde, máis católico... poñan o que desexen.

Esta semana estamos pendentes doutra eleccións, as presidenciais arxentinas. Todo indica que haberá segunda volta, pero a simple aparición de Javier Milei e o seu triunfo nas primarias obrigatorias previas xa supuxo un tremor sociolóxico. A súa posta en escena e o seu odio á política, lembran as formas e as palabras de todos os ditadores do século XX pero substituíndo o toque militar, a preferencia pola disciplina e a verborrea autoritaria, polo show televisivo, a preferencia pola economía e a verborrea pseudolibertaria. Defende un estado mínimo, que só debera ocuparse da policía, o exército e a política exterior, só debe servir para que os que poidan se fagan ricos e non necesitaría recursos para facer políticas públicas nin sociais. Aos que non logren negociar as súas vidas sempre lles quedarían os corpos de seguridade, o exército ou a prisión. Os impostos simplemente desaparecerían. Moita xente moza seica o apoia. Un país capaz de inventar o peronismo pode inventar calquera cousa, mesmo a Borges, Cortázar, Alfonsina Storni e Mafalda. Non todo está perdido.

Entre unha elección e outra, o Senado español converteuse en caixa de resonancia por un día, non por obra da extrema esquerda que foi quen inventou a expresión —e poucas veces tivo ocasión de practicala—, senón por gracia do principal partido da oposición ou, por seguir a moda da casa, a minoría maioritaria da Cámara Baixa que resulta ter maioría absoluta na Cámara Alta. Os parlamentos son espazos de debate, discrepancia, acordos e desacordos, para facer leis e controlar aos gobernos, desta volta o Senado foi convertido nunha sucursal de partido, na que os presidentes autonómicos do PP repetiron o argumentario semanal da dirección nas versións de once gabinetes de prensa autonómicos. A cámara territorial converteuse así na cámara de eco. Só a presenza do president da Generalitat lembrou que aquilo era o Senado español e axudou de paso a concentrar os argumentos contra alguén presente, mesmo fugazmente presente. Miremos cara Polonia e Arxentina.