A política climática do país, a de igualdade (sobre todo, de xénero); ou a migratoria, teñen que preocuparse tras este xiro conservador e reaccionario ocorrido nas eleccións do domingo. Como primeira lectura, o resultado das urnas está claro que evidencia un serio cambio á dereita, que ademais non é cara o centro dereita liberal.
A segunda lectura é o forte descenso dos partidos ecoloxistas, que subiran na cita anterior ao 7-8 % e agora baixan máis dun 4 %, así que perdeuse a metade con respecto aos anteriores resultados históricos. Por que os Verdes perden tanto? A preocupación dos suízos sobre a crise climática segue sendo das principais, pero iso non se traduce no voto. E pode ser polo feito de que se cadra o noso discurso ecoloxista ten falta de respostas concretas para o día a día. Porque esas respostas supoñen un determinado número de sacrificios para o electorado, e ao mesmo tempo hai certa preocupación sobre o nivel de vida e, sobre, todo, dos prezos da vivenda e da cobertura médica, que aumentan de maneira moi forte.
En definitiva, creo que non soubemos aínda atraer unha posición que sexa satisfactoria para os electores no que nós definimos como «a fin de mes e a fin do mundo», en relación ao eslogan que temos: o combate pola ecoloxía e pola xustiza social forma parte dunha mesma mensaxe, que polo que se ve non logramos trasladar. O Partido Socialista, por exemplo, si ten discurso máis satisfactorio para os seus votantes.
O retroceso da esquerda, como digo, non se produce a favor da dereita clásica, ou do centro, que tamén retrocede, senón dos partidos populistas e ultraconservadores. Non hai que esquecer que este ascenso da ultradereita inscríbese nunha tendencia xeral, que se observa en Europa (en Francia, por exemplo), así que vai máis aló das nosas fronteiras: fronte á inmigración, a caída do poder adquisitivo das clases medias, e a crise climática. Son un conxunto de angustias que provocan reacción de repregue sobre si mesmas, e conservadoras.
Obríganos isto aos ecoloxistas a reflexionar e facer algo? Si, a ter máis en conta certas mensaxes. Sobre a defensa do estado social, e sobre determinadas prioridades. Pero tampouco se pode falar en termos de homoxeneidade absoluta. Na cidade de Xenebra, por citar onde vivo, hai algo máis dun ano acadamos un 14,5 % de respaldo nos comicios cantonais, e agora tivemos un 16,5 %. Seguimos, nas grandes cidades, con alta valoración, e mesmo incrementos tamén nos socialistas: seguiríamos mantendo ou aproximando a maioría absoluta. E soster iso conleva ter un argumentario moito máis claro de protección social, especialmente nas campañas. Creo que non nos explicamos de todo ben en determinados eidos. E hai aspectos como a guerra de Ucraína, o debate enerxético (que a dereita ultra aborda de xeito simplista e populista na produción nuclear) ou o migratorio que tamén inflúen e favorecen a esa opción política. E iso que a situación de Suíza é moi diferente á do resto de Europa: un paro do 3 % de media (moi menor en moitos cantóns) ou menos do 2 % de inflación, entre outros parámetros.