Hai días nos que cando se pecha unha porta no noso camiño, se unha ten a sorte de encontrar a forza para pensar en positivo, tenta dicirse a si mesma: «Pois non estaba de ser». E hoxe, para non caer no meu gris particular, púxenme a matinar na cantidade de ideas que se poden encaixar dentro dese «non estaba de ser». Que iso non era o que realmente querías, que estás mellor así que co que había detrás desa porta que se pechou, que cando unha porta se pecha outra se abre... É curioso reflexionar como ao longo das nosas vidas poñemos as nosas expectativas nunha serie de propósitos que cremos que son as metas ás que queremos chegar; e logo, se non chegamos a elas, ou quedamos ás portas, ou simplemente deixamos de perseguilas, comezamos a pensar sobre o sentido deses propósitos, sobre a idea que orixinou a intención de conseguilos. Pois ás veces, eses obxectivos que se deciden no pasado perden o sentido no momento presente, e durante anos unha persegue esa meta, e de súpeto (chegue ou non a ela) decátase de que ese non era o propósito que buscaba, e ten que variar o rumbo da súa vida...
Novembro é un mes complexo. Comeza cos santos e os defuntos. Caen as follas. Chove, chove, chove. E hai tal variedade de grises arredor de nós que, para os que somos propensos a que nos afecten, non é moi doado librarse desas nubes. Por iso é importante tomarse un tempo para reflexionar un chisquiño sobre esas cousas que queremos que pasen pero que non pasan, para así esquecelas canto antes, aceptar que non sempre podemos controlar o que pasa arredor de nós, e saír á rúa a ver a fermosa e infinita variedade de amarelos e laranxas que nos regala cada día o outono...