A boca ultra

OPINIÓN

Juan Ignacio Roncoroni | EFE

07 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A ultradereita vén de gañar as eleccións parlamentarias suízas, case a un tempo que o ultraliberal Javier Milei pincha a medias na primeira volta como candidato á presidencia arxentina, pero non esquezamos que o votou un 30 % do electorado e aínda está a tempo de repregar os estalidos de cólera para lles facer as beiras a votantes de Patricia Bullrich, á que chamou «montonera asesina», para acadar o seu obxectivo último, algo que celebraría aquí non só Abascal, senón tamén Ayuso. Os dous seica aceptan as arroutadas histriónicas dun candidato que, entre moitas tolerías, lle chama diaño ao papa e mesmo quere suprimir o Ministerio de Cultura coma un mal ideolóxico e contaminado. Asistimos atónitos a esta enxurrada de burradas, como as de renunciar á paternidade se che pican o preservativo. Un mínimo de educación debería abondar para lle darmos as costas a calquera bocalán que insulta a eito. Pero, ás veces, a falta dun liderado alternativo, forte e responsable deixa que agromen fenómenos así, que atacan todo o que se poña por diante, incluídas as institucións que pretenden gobernar. Iso si, nunca chegariamos a acubillar estas propostas se os medios de comunicación non lles desen unha trela que non debería pasar do anecdótico. Esas pílulas populistas van calando en persoas que se senten representadas porque odian os inmigrantes, os homosexuais ou ven no progreso e na modernidade unha ameaza. De todo hai. E non miremos para Suíza ou para Arxentina con indiferenza. Aquí, a ultradereita non é unha forza residual. Entrou en moitos Gobernos autonómicos para poñer ás claras propostas que atentan contra valores democráticos. Ollo! A boca ultra segue a se alimentar.