Os dereitos do okupa

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

CESAR QUIAN

13 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, vendo as noticias tiven a impresión de que estaba a sufrir un ictus ou un infarto ou de que me quedaba durmida e o que vía era un soño, un pesadelo: Un okupa queixábase, diante do micrófono e da cámara dun xornalista, de que uns individuos, facéndose pasar por policías, tentaran desaloxalos dunha forma violenta, con ameazas e dándolles soamente dúas horas para desaloxar o piso que era o seu fogar desde facía varios anos. «Dúas horas!», clamaba indignado. Por fortuna, apareceu a verdadeira policía e levou aos policías falsos. O xornalista aproveitou a ocasión para botar unha ollada ao fogar do okupa, un piso esnaquizado, sucio, onde se acumulaba todo tipo de lixo polo chan e as paredes. Tamén entrevistou a dous veciños do barrio que lle aseguraron que naquel piso vendíanse drogas, que había unha trasfega constante de drogadictos e xente de mal vivir e que o concello non facía nada para desaloxar un piso que provocaba inquietude en toda a veciñanza.

Quedei tan impresionada que busquei información sobre a maneira de desaloxar de forma legal un piso okupado e vin que se tarda unha media de vinte meses en levalo a termo e que supón tamén un gasto económico. E vin que, na maioría dos casos, trátase de pisos que proceden dunha herdanza compartida, que hai varios propietarios que prefiren dalo por perdido que meterse na lea de desaloxar un piso que é unha ruína e que non lles compensará o tempo e o diñeiro empregado nos trámites. Iso foi o que eu vin, ou quizá —oxalá!—foi o que soñei vendo as noticias da televisión pública española.