Violencia de xénero: fagamos contas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Meri Parrado | EFE

17 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2022 houbo corenta e nove mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas. Quedan un par de meses para rematar o ano e superamos o medio cento. Vaia número. Medio cento!

Seguimos vivindo co medo no corpo e somos un factor de risco. Só en Galicia hai máis de 4.500 mulleres sometidas a un seguimento pola policía por seren potenciais vítimas de violencia de xénero. Sesenta delas contan con vixilancia permanente. Poucas me parecen, habendo máis de mil maltratadores persistentes, ou o que é o mesmo: reincidentes. Máis de 1.200 homes que cometeron agresión a máis dunha parella ou exparella. E só se consideran 60 mulleres dentro dun nivel de risco alto para asignarlle protección policial permanente. O panorama é desolador, máis se temos en conta que o de permanente é daquela maneira, pois non inclúe as vinte e catro horas. Este sería o caso de nivel extremo, no que se considera que só se atopa unha muller.

Fagamos contas, que non dan. Amais dos números, que falan claro, poñamos tamén palabras. O dicionario da Real Academia Galega recolle os termos «maltrato» e «maltratar», pero non hai entrada para maltratador. É bo chamarlle ás cousas polo seu nome específico. Como violencia de xénero.

Os puntos máis débiles son o fogar, o traballo, o colexio dos fillos. Ou sexa: a base da vida. O traballo que permite vivir, a casa que debera ser refuxio e os fillos... ai, os fillos! Por se non fose suficiente o medo propio, hai que sumar ese posible foco de atracción de perigos cara a eles. Quen pode soportar esta carga? Quen?