
Hai vinte anos que puxemos en marcha desde unha aldea o Clube de Lectores Biblos coa idea de apostar polo medio rural e contribuír a achegar a cultura galega a toda a xente con dificultades de acceso ás librarías e servizos culturais. Daquela, a cobertura que se nos ofrecía era como se procurásemos correr coas pernas atadas. Agora é peor, porque as esixencias multiplicáronse para calquera empresa ou particular.
Seguramente somos ingratos por queixármonos. Por ignorar que, como nos transmiten os medios de comunicación, vivimos nunha Europa que pon prazo ao fío de cobre para dotarnos de fibra óptica e que rega con cartos un ventureiro porvir da conectividade; por formar parte dunha España de inmensos éxitos na transición tecnolóxica; nunha Galicia rexida por quen apostaron por máis ordenadores e menos libros e, sobre todo, por formar parte dun extraordinario proxecto de futuro auspiciado polo PP ao unir dous concellos nun Oza-Cesuras que estaba chamado a ser o nunca soñado.
Aínda así, vexo que a trinta quilómetros da Coruña, na franxa máis desenvolvida de Galicia, no espazo de só un par de lugares da parroquia de Mandaio, perdemos horas e horas procurando xestións (moitas impostas polas Administracións sen ningunha alternativa) e desenvolvendo os nosos traballos. Somos, ademais de Biblos e sen pretender ser exhaustivos, unha poboación de media ducia de criaturas escolarizadas, un par de rapazas dos graos superiores, unha familia que traballa no cultivo de produtos ecolóxicos e a venda por internet; unha empresaria con establecementos de restauración; unha comercial; unha máis que inviste parte dos seus esforzos na avicultura ecolóxica; tres ou catro que sofren mil limitacións para teletraballar; maiores que queren consultar a páxina do Sergas ou competir con éxito por unha viaxe do Imserso… Todos nós, condenados ao atraso tecnolóxico.
Hai poucos días, un comercial díxonos que ían instalarnos a fibra óptica. Un par de días despois, anunciáronnos unha vez máis que non. Témola a pouco máis dun quilómetro, na gardería que está nesta mesma parroquia.