«Gracias a Dios, yo no creo en Dios»

OPINIÓN

María Pedreda

01 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Así citou Xesús Alonso Montero o coñecido dito de Luis Buñuel. Foi na Facultade de Filoloxía da nosa Universidade. Estaba rodeado polo cariño e o entusiasmo co que os numerosos asistentes que tivemos a sorte de gozar unha vez máis da súa oratoria sabia e de eficacia incrible. O ton cordial e suavemente irónico da frase, nun momento en que aludía ao tema relixioso, fixo saltar en min unha chispa que iluminou o sentido da verdade profunda que, malia a superficie literal, pode ter e penso que teñen esas palabras.

Os humanos queremos de ordinario tomar postura fronte á realidade real, permítaseme a expresión. Pero sempre nos vemos obrigados a tomala ante a idea que nos facemos dela. No caso de Deus, polo seu mesmo carácter alto e misterioso, sucede en grao máximo. Crer ou non crer en «deus» significa para todos optar pola idea que del se foi formando en nós, por educación, por ambiente cultural, por máis ou menos tempo e intensidade que teñamos dedicado a tan difícil cuestión.

Por iso a frase do gran cineasta, tomada superficialmente, non aguantaría un segundo de reflexión lóxica. Sería un simple contradición, case unha especie de tautoloxía ao revés. Pero todos percibimos que as palabras xogan nun dobre nivel, que agachan un sentido, a insinuación de algo que pode ser importante. No primeiro uso, a palabra «deus» amosa un compromiso persoal, unha visión outra da que aparece na superficie. De repente, libera una capacidade crítica fronte ao significado espontáneo, biográfico ou ambientalmente asimilado, onde a palabra «deus», como dixera Martín Buber, está cargada e abusada polos escuros, torpes e ás veces terribles sedimentos do seus usos, abusos e manipulacións históricos.

Contra esta segunda palabra pugna, oculta e inconscientemente, a primeira como unha posibilidade oculta e unha potencialidade aberta. Ousaría así unha tradución que faga explicita esa tensión liberadora: «Grazas ao Deus de Xesús, eu non creo nese deus que resulta inaceptable».

Tiven a sorte inmensa de traballar con Xesús Alonso na xunta de goberno da Real Academia Galega durante os seus dous mandatos como presidente. El sabe moi ben do meu cariño e admiración non só polo seu inmenso saber, senón pola súa bonhomía e porque fun testemuña dos profundos e humanísimos intereses que moven o eixo da súa vida e da súa obra. Sería ridículo que, pola miña parte, alguén pensase que estas liñas teñen sequera un asomo de acaparamento proselitista. Son unha homenaxe entrañable que hai tempo tiña ganas de facer pública.

Tamén quixera dicirlle algo suxerido por unha escena que hai anos me referira o P. Antonio Peteiro, franciscano amigo e anterior arcebispo de Tánxer. Recollera polo camiño no seu coche un velliño musulmán, foron conversando e cando este se despediu, agradeceulle o favor co mellor cumprimento que desde o seu corazón lle podía ofrecer: «vostede é un bo musulmán». Eu non lle vou dicir a Xesús «ti es un bo cristián». Pero si, que nel recoñezo a presenza da calidade humana que eu máis estimo desde a miña fe cristiá: a dunha existencia de profesor, pedagogo e publicista nucleada en torno á preocupación polos humillados e ofendidos, pola xustiza, a liberdade e a fraternidade igualitaria entre todos os humanos.

Esa foi a impresión que, coma un lóstrego, se acendeu en min naquela celebración inesquecible. Ese é fondo que, desde o Evanxeo e máis alá das palabras, adscricións e confesións, eu considero como o mellor ao que podemos aspirar os humanos. Para que non pareza unha acomodación teolóxica ou un recurso ad hoc, traído polo pelos, prefiro poñerlle o ramo a esta pequena homenaxe, coas palabras de aquel que, co anuncio e coa vida, foi quen de ofrecer unha visión de Deus capaz de sintonizar cos intereses últimos que mobilizan o mellor da nosa humanidade. Pertencen a unha narración parabólica da que os esexetas non poden garantir a literalidade como saída da boca do Nazareno, pero que non dubidan de que abrochou grazas ao seu espírito. Como escena fáctica non sucederá nunca, como mensaxe imborrable está acontecendo sempre: «Entón dirá o Rei aos da súa dereita: Vide, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven espido e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver. Entón preguntaranlle os xustos: Señor, cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos? Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?. O rei contestaralles: Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo»”. (Mt 25,34-40):