Cada ano por estas datas, dende a primeira edición do 2007, Pontevedra convértese na capital da cultura en lingua galega: concentración de empresas e iniciativas no mundo do libro, as artes escénicas, a música, o cinema, o deseño industrial, as artes plásticas, medios de comunicación, tecnoloxías na rede… Culturgal é unha cita anual que ten moito de encontro e moito de escaparate para presentar novos produtos, novas creacións que ás veces inclúen gastronomía, turismo, videoxogos, estratexias de ocio…, sempre relacionadas co idioma galego.
Aínda hai poucas semanas que o Consello da Cultura Galega presentou un documento, elaborado polo seu Observatorio Cultural, no que se pretende medir e cuantificar o valor económico do idioma, cuestión na que algúns temos traballado dende hai anos no ámbito das industrias culturais. Canto diñeiro move o idioma galego, en termos de uso e mercado? Segundo o devandito traballo, que os propios autores consideran aproximativo, podemos falar de arredor de 1.440 millóns de euros en valor engadido e 27.702 postos de traballos directos (datos do ano 2019). Se se teñen en conta os postos de traballo indirectos ou inducidos, a cifra elevaríase a 2.695 millóns de euros e case 50.000 postos de traballo.
O pasado venres, nos encontros anuais Mar Por Medio, en Ribadeo, falamos da significación do Camiño de Santiago e os diñeiros que o Apóstolo vén deixando en Galicia ao longo da historia. Alguén dirá que meter o Apóstolo e o Xacobeo neste capítulo é un atrevemento. Os norteamericanos consideran industrias culturais: o libro, os medios de comunicación, as artes plásticas, o cinema, a ciencia, a tecnoloxía, pero tamén o turismo e todo canto ten que ver coas industrias do ocio, o deporte, o deseño industrial, os parques temáticos, os casinos…
Sen entrarmos en cuestións espirituais ou relixiosas, o mito do Apóstolo (a «inventio», segundo a denominación medieval) é unha das grandes fontes de riqueza das que vén desfrutando Galicia e a cultura galega dende hai máis de mil anos, porque o universo xacobeo é fundamentalmente un universo cultural, en certa maneira (contemplado dende unha perspectiva contemporánea) tamén unha industria da cultura: un intanxible que se enriquece e transforma durante séculos, e segue dando beneficios. Falar de diñeiro non é o máis axeitado. Mellor falar de beneficios. Canto deixou e deixa entre nós o Xacobeo? Dende as doazóns dos reis, os papas e os grandes señores na Idade Media ata institucións políticas e económicas contemporáneas, incluída a Unión Europea. Quen pon unha cifra?
No Culturgal pontevedrés deberiamos considerar tamén estas cuestións, xunto co turismo e a gastronomía, que algún espazo xa teñen. Reducir a cultura a beneficios económicos, convertida en espectáculo ou simple mercadoría, é un erro. Mais non valorar eses aspectos tamén o é.