O bico de Kissinger

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

NIXON LIBRARY | REUTERS

04 dic 2023 . Actualizado a las 10:31 h.

Sempre me pareceu unha teimuda volta do destino que no nome de Kissinger estivese a palabra kiss (bico en inglés) ou o nome do grupo metal estadounidense Kiss, nas antípodas dese político serio ao que sempre imaxinei escoitando a Julio Iglesias na intimidade. Era máis fácil evocar a Hitler namorado que a Kissinger bicando por amor, pero, en cambio, seica non era difícil pasalo ben con aquel tipo que, detrás da súa cara de bonachón, se reivindicaba coma un malo con poucas oportunidades de exercer. Quizais por iso practicou a traizón con donaire e o rollo de cowboy solitario, porque polo visto desconfiaba da democracia coma do diaño, e tamén dos políticos que se aproveitaban dela.

É tan marabillosamente paradoxal que un alemán acabase sendo o responsábel intelectual da política exterior estadounidense da segunda metade do século XX coma fascinante que un xurado inescrutábel de señores suecos lle dese o Nobel da Paz no 73: fuxira da Alemaña nazi, pero, nese mesmo ano, instigou o golpe de Estado contra Allende, e logo protexeu a ditadura de Videla, foi responsábel dos bombardeos sobre Camboia e da represión de Timor Leste. Era a «Doutrina Kissinger», resumíbel en que calquera país democrático descontrolado da órbita estadounidense podía ser aniquilado. Con el, a Guerra Fría foi máis fría que guerra.

Kissinger foi, se cadra, o diplomático máis famoso da historia despois de Maquiavelo. Hai fotos súas con todos os líderes políticos do século XX, con artistas de Hollywood e con intelectuais fundamentais da nosa historia do pensamento. Só que, mentres que si hai imaxes de Franco acariñando a neta, ou de Hitler da man de Eva Braun, de Kissinger, o home que levaba o bico no nome, non hai fotos bicando.