As catedrais son fábricas construídas para loar a Deus e gardar entre os seus muros o paso do tempo. Son rostros da historia concibidos para transcender, obras humanas creadas con esforzo e sabedoría para abraiar coas súas dimensións, luces e sombras. Son o resultado de acordos e pugnas entre os poderes e o pobo, de conciliación entre mestres de obras e cabidos.
Co transcurso dos séculos as catedrais foron humanizándose, achegándose cada vez máis á escala da persoa, como se a divindade se aproximara ao ser humano, que pouco a pouco foi perdendo aquel temor reverencial. A culpa e a penitencia viraron en reconciliación e a pompa na esencia da beleza que se mestura coa espiritualidade, cultura e patrimonio.
Vinte catedrais europeas déronse cita, convocadas un ano máis pola Opera della Primaziale Pisana, para presentar e debater experiencias en torno a «O equilibrio entre a conservación e a espiritualidade». O congreso deu lugar para examinar exemplos de catedrais danadas polas guerras ou o abandono, a dialéctica entre historicismo e contemporaneidade na rehabilitación, a restauración de bens mobiliarios e pinturas…
A intervención de Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago, partiu da dimensión excepcional de termos unha basílica de peregrinos que chaman ás portas da casa de Santiago cada día. Este fluxo de persoas implica manter unha visión actualizada da relación entre conservación e espiritualidade, conciliando o uso como lugar de culto coa condición de templo ecuménico. Destacou a esencialidade das obras coordinadas desde a Casa da Fábrica, que culminaron con éxito: a restauración das fachadas, cubertas, naves e capelas, do Pórtico da Gloria, do baldaquino e das pinturas da Capela Maior, o plan director de iluminación, o novo enterramento dos bispos…, ata elementos aparentemente menores como os confesionarios ou un tema tan pragmático como a ventilación, que se vén monitorizando e estudando desde hai varios anos.
Mentres deixaba atrás Pisa e o escenario único no que o conxunto da catedral, o baptisterio, a torre e o camposanto emerxe sobre un manto verde, pensaba, seguindo o fío do meu relatorio no congreso, que a clave do traballo patrimonial consiste en saber percibir o silencio da beleza das catedrais e, con ese impulso, ser capaces tamén de observalas analizando como foron construídas e logo, con esa bagaxe de coñecemento, emprender e manter as tarefas de restauración, rehabilitación e coidado.