A medida que a idade avanza, un pode pechar cun cadeado o almacén dos recordos para vivir coa nostalxia, ou ben abrir a porta de vez en cando para que entre a nova creatividade, a sociedade nova que pode poñer en cuestión o que temos gardado con primor. A ese exercicio convén someterse.
Nas cidades históricas córrese o risco de instalarse na contemplación do pasado a ras do chan, pero desde as torres a perspectiva axuda a entendelas mellor e albiscar o futuro. Hai que esforzarse ata chegar á altura do ceo, onde a luz variable ilumina a arquitectura e o seu contorno.
Subir os 463 chanzos da cúpula do duomo de Florencia, con algunha breve tregua para asomar polos óculos, é unha lección de construción, arquitectura e arte. O reto de cubrir o cruceiro de Santa Maria del Fiore era extraordinario e Brunelleschi resolveuno de maneira maxistral, cunha cúpula de 45 metros de diámetro e 115 de altura. O sorprendente é que son dúas cúpulas isostáticas elevadas simultaneamente, sen cimbras, entre as que se desenvolve a escaleira. Se o programa era un desafío sen precedentes desde o Panteón de Roma, o arquitecto soubo transformar a idea debuxada en construción que, revestida coas poderosas imaxes do xuízo final de Vasari, se converteu en arte, en transcendencia.
Desde o cumio, xirando 360 graos arredor da lanterna, a magnífica cidade e os campos que a circundan son unha mesma cousa, a división administrativa entre municipios é so iso, unha partición burocrática. Todo é pequeno e todo é inmenso, unha amálgama de tellados e terrazas perforada pola trama lineal das rúas, o río e as masas verdes, onde as persoas se esfuman.
Ao baixar, o contacto coa realidade mostra unha cidade ocupada por outros moradores, transeúntes aos que os antigos propietarios alugan as súas vivendas para rendibilizar o seu patrimonio, pero a poboación envellece. É un dos problemas máis serios de todos os centros urbanos do mundo e os gobernos municipais, desde Nova York á mesma Florencia estes días, van tomando determinacións.
Namentres, a historia e a cultura do pasado mestúranse coa creatividade vernácula e a cultura foránea. A gloria dos Médici, os banqueiros do papa, baseouse na súa capacidade emprendedora e no concurso de artistas excepcionais. Este reclamo á gente nuova contribuíu a facer rica e espléndida a Florencia, como proclama esa xoia de Puccini, Gianni Schicchi.
Vangarda é crear aquilo que aínda non existe pero que se demanda; logo vaise incrustando na sociedade contemporánea, estremecendo o establecido e, co tempo, pode chegar a ser unha nova modernidade.