O Camiño de Santiago é un fenómeno, unha realidade ou un proxecto que combina o relixioso e espiritual co cultural e económico. No acento que se poña en cada elemento e na súa acertada combinación está a clave do seu porvir.
Compostela é a cidade onde conflúen todos os Camiños, o símbolo e representación ecuménica da chamada do Apóstolo, sexa por cuestión de fe ou de cultura. Xaora, Santiago non pode ser xacobina, centralista, porque é a meta indiscutible dunha rede que abrangue Galicia, España e Europa.
Vimos de celebrar o 30 aniversario da inclusión do Camiño de Santiago francés na Lista do Patrimonio Mundial. Nestas últimas décadas a Xunta traballou intensamente pola rehabilitación e a promoción dos Camiños en Galicia, pero botouse de menos no dobre ano xubilar 2021-2022 unha armazón cultural propia para a cidade de Santiago.
No acto lembrei que o Concello foi sempre un actor principal na cooperación coas institucións e as cidades europeas: a inscrición da cidade na Lista da Unesco en 1985, a declaración do Camiño de Santiago como primeiro itinerario cultural europeo polo Consello de Europa en 1987, a fundación do Real Patronato en 1991 e a conseguirte creación do Consorcio da Cidade en 1992, o programa Compostela 93-99, a Capitalidade Europea da Cultura no 2000… E, como non, a protección dos Camiños nos documentos de planeamento xeral e especial. Por todo iso o Consello de Europa outorgoulle a Compostela e ao seu urbanismo as máximas distincións. Pero hai anos que o Concello, xa fose por evitar problemas ou por ideario, entendeu que o Camiño xa non era da súa competencia e ese espazo foino ocupando a Xunta.
Ninguén dubida de que a repercusión da promoción turística beneficia moitos sectores a curto prazo, pero tamén resulta evidente que en determinadas épocas a cidade histórica non é capaz de dixerir unha presión excesiva. Non consiste só en desestacionalizar ou en aplicar unha taxa turística, senón en compartir mensaxes e problemas.
Con vistas ao 2027, penso nunha arquitectura cultural para a cidade de Santiago que abranga todas as manifestacións, da creación á participación, e incorpore as que chegan de fóra, con políticas de cooperación sostida entre Concello, Xunta, Universidade, institucións e asociacións civís. Esta é unha dimensión culta e inclusiva que pode contribuír de forma eficaz a evitar a perda da esencia dos Camiños de Santiago e a fomentar o «turismo de calidade». Para todo iso está o Consorcio, para acordar o difícil.