Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día
CARMELA QUEIJEIRO

17 ene 2024 . Actualizado a las 07:50 h.

Polémicas aparte, e mentres leo asustada que o microplástico causa alteracións no ADN dos peixes que inxerimos, observo desde a xanela como ducias de voluntarios limpan as praias de Vigo. Véxoos desde aquí, cos seus apeiros e as súas luvas, e non podo evitar a labazada da memoria, a mesma que estes días todos os galegos recibimos nalgún momento ao comparar —odiosamente— a crise dos microplásticos coa marea negra do Prestige.

Todo se fixera mal daquela e todo volveu facerse condenadamente mal agora, porque a lección do 2002 non serviu para que os vertidos de porcalladas transportadas polos barcos non volvesen ás nosas costas.

Berrabamos «nunca máis», pero unha voz dentro de nós xa nos dicía que, en realidade, axiña estariamos dicindo, indignados e impotentes, «outra máis».

Os accidentes pasan, pero o que non pasou foi practicamente ningunha das melloras en materia de xestión ambiental que daquela se demandaban. Sobre todo unha, a fundamental, a que evitaría díxome-díxomes, manipulacións e toda esta rabia que nos sae aos galegos pola man de depositar o voto: a transferencia á Xunta das competencias en materia de seguridade, salvamento e loita contra a contaminación marítimas que, reiteradamente e desde hai vinte anos, os diversos gobernos estatais de toda cor foron rexeitando.

O que non mudou, o que seguirá pasando, é que onde falta Goberno está a sociedade civil. Están as persoas que se remangan para salvar o sustento: a terra, o mar. O básico. O lugar que habitamos, as praias onde tomamos o sol, alleas aos cargueiros que navegan aquí ao lado. Por iso volverá pasar. Volverei escribir este artigo vendo voluntarios apañar merda das nosas praias. E cando non haxa terra nin mar que gobernar, xa dará todo igual, non?