De carnaval

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

MIGUEL VILLAR

18 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou o San Antón e na miña tribo, Verín de Verín, xa arrecende a entroido. É un asunto sentimental. Nada ten que ver coa macroeconomía (aínda que na microeconomía galega o entroido xogue un papel fundamental). Hai lugares onde se invisten centos de miles de euros nesta festa ancestral e non deixan de ser, mesmo con gran brillo, a prolongación das festas do estío. O entroido, en Verín de Verín, é outra cousa. Ou iso pensan os da miña tribo. Miras os rostros dos entroideiros, meses antes da arribada, e contemplas líquidos de luz nos seus ollos. Dormen menos. Algúns acoden aos galenos para que acouguen os excesos de ansiedade, nunca de melancolía. Pintan no ceo pinturas de cores, disfraces, sentidos, ilusións inacabables. Os entroidos non se inventan. Vívense, dende o interior ata o último poro da pel. Por ela, pola miña pel, camiñan de puntiñas como cempés os entusiasmos do entroido. Confeso que mudaron as maneiras, non os sentimentos (sen eles, mentimos). Antes deitábame co día e agora é o día quen me esperta para saír á rúa. Comemos xuntos. Familia, amigos, risa, e vida para vivila intensamente. Contentos. Coma os nenos. Calquera que visite os colexios da miña tribo, un por un, verá nas bocas dos cativos, pés, mans, pálpebras, a danza das carnestolendas. Carnaval rima con ventura. Un soneto primoroso en medio da prosa pobre destes días. Música alegre. Chocas de cigarróns que espantan a mala fortuna. Amor de amores e amores de amor en sol maior. Marta e Concha levan no sangue o rumor constante do entroido. Míroas felicísimas neste tempo extraordinario. Eu síntome feliz por elas. Somos o que soñamos. Elas son o espello de todos os meus soños. De carnaval.