![](https://img.lavdg.com/sc/VlqfbGs_WDJIZqDxlB7MZwXxgko=/480x/2024/01/19/00121705690141866594898/Foto/efe_20231125_175319626.jpg)
Leo con total perplexidade un titular deste mesmo xornal. Nel asegúrase que case a metade dos homes cren que nos excedemos niso da igualdade, como se fose unha causa menor ou unha brincadeira. É un bo índice para decatarnos de que, por unha parte, non se toma a cuestión en serio e, por outra, aínda queda moito camiño por facer, fundamentalmente na concienciación e educación. Como podemos falar de sobre-igualdade? O que busca a igualdade é precisamente un equilibrio, o reparto ecuánime de oportunidades, obrigas, deberes e roles.
Un dos obxectivos das Nacións Unidas é a igualdade de xénero como dereito humano fundamental. Indican que, ademais, é un dos fundamentos esenciais para construír un mundo pacífico, próspero e sostible.
Fixéronse avances, por suposto. Comezamos a ocupar postos de relevancia, reducíronse os matrimonios por conveniencia, introducímonos en novos campos laborais, xa hai anos que votamos!, e facémonos ver e oír.
E isto último, quizais, sexa o que menos gusta. Non facemos ruído, non, alzamos a voz, que é diferente. E o que temos que dicir, ás veces molesta, porque elimina privilexios á parte contraria. Ai! Aí está o problema! A perda de prebendas.
Quedan moitos logros por acadar. Grandes e pequenos. Vistosos e humildes, como o reparto de tarefas, as horas no parque acompañando os fillos, as citas médicas, as horas de compras, os coidados.
Imaxinan volver á escravitude, con razas superiores e inferiores? Moito hai que educar se a igualdade presenta un problema.