Foi noticia que houbo un acordo entre o PSOE e o PP para unha necesaria reforma terminolóxica na Constitución. Un acordo tan infrecuente que a noticia adquiriu a dimensión de formidable neste tempo, cando Feijoo declarou un combate sen cuartel na deslexitimación do adversario mesmo case negando o dereito de Sánchez a gobernar. Feijoo pactou a semana pasada porque necesita non ser asimilado pola dereita trumpista, pero xa esta competindo de novo coa esaxeración patriótica de que España está en venda. A política en democracia é un mercado, non o escenario dun drama de Calderón de pureza de sangue e honra ofendida. A democracia liberal de partidos é o sistema do capitalismo (coa cara máis humana), o da sociedade de consumo de masas na que vivimos. Os partidos negocian políticas e apoios, non venden patrias. Por iso pactou Feijoo, para demostrar que sabe que está no século XXI e non no XVII.
No último barómetro do Centro de Investigaciones Sociológicas queda claro que a sociedade está farta de enfrontamentos prolongados no tempo e sostidos en intereses ideolóxicos abstractos e intereses partidarios concretos, máis que intereses sociais e necesidades materiais sentidas. Quere isto dicir, resumindo, que rezar o rosario en Ferraz non está feito para maiorías, pero o salario mínimo interprofesional si. Os resultados do CIS evidencian que a estratexia de tensión que busca o PP dende que perdeu a elección de Feijoo no Parlamento non da máis de si e debe mudala. Como ben sabe a esquerda pola súa tradición sindical, o máis importante dunha mobilización é o día D, o da desmobilización. Facelo a tempo, con éxito e habilidade require unha experiencia da que a dereita española semella carecer.
E no medio, no medio da ría, a campaña electoral galega. O Partido Popular tiña o interese de españolizala. A estratexia é visible: as eleccións galegas serían o segundo acto do combate electoral con Pedro Sánchez, e Feijoo sería un candidato así coma que se presentara el en vez de Rueda. Unha España dentro de España ao modo madrileño. Pero aquí os callos gustan con garavanzos e as eleccións, galegas. Galego coma ti, si, pero aquí, non alí, cos problemas d'eiquí non cos d'alí. Pola banda de Sánchez, protagonizar como presidente do Goberno a campaña non é malo para os socialistas galegos, que sempre perden votos nas galegas que si reciben nas estatais.
Aínda por riba está a granalla de polietileno do Toconao que chegou ás nosas praias, porque vaia, vaia, en Madrid non hai praia, mar, nin mareas, pero a paisaxe e o peixe son unha base importante do sustento en Galicia, ademais de parte íntima da nosa identidade.
Xa poden falar de Cataluña e lexitimidades patrióticas que coas cousas de comer non se xoga, e menos en campaña electoral, porque aquí todo o mundo sabe rular, ir á feira e estar de volta do mercado. Sexa de peixe, de vacas ou político. Milleiros de pelegríns das rías, demostraron en Compostela o domingo, unha vez máis, que a campaña electoral das galegas hai que xogala aquí e que o próximo Goberno de Galicia, o que sexa, decidímolo nós.