Arquitectura para a permanencia

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denis E.F.

27 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O barroco compostelán é un estilo propio promovido pola Igrexa nos séculos XVII e XVIII, como expresión plástica de piedade e perdón, de poder e de festa. O Cabido e os mestres de obras que traballaban para el, tiñan unha decidida vontade reformista, renovadora, superando coa exuberancia de pináculos, relevos pétreos, volutas e grilandas de froitas a base clásica da arquitectura renacentista.

O barroco de Simón Rodríguez, austero, conceptual, con xeometrías mixtilíneas recoñecibles que envolven o exceso decorativo dos seus mestres, vai un paso máis alá. A comunidade de santa Clara, despois da experiencia do retablo realizado por Andrade, encárgalle a Simón Rodríguez a fachada da portería, que concibe como un portal contundente e provocador. Desde a súa posición sobreelevada, o cilindro que remata a composición parece xogar á inestabilidade, como se puidera rodar e caer sobre nós, desafiando o principio vitruviano da firmitas, e cunha beleza intemporal que, ademais de contribuír a renovar a estética da época, consegue seguir sorprendendo as sucesivas xeracións. Non é simplemente un barroco de placas, como se adoita denominar, é un estilo moderno que, afastado axiña polo neoclasicismo, segue porén sendo fonte de inspiración para a arquitectura contemporánea.

Imaxino os ricos diálogos das Clarisas, os frades e a curia co arquitecto, que traspasaba o organicismo decorativo de Andrade e Fernando de Casas, e tamén o fecundo traballo coa comunidade creativa arredor da Catedral en disposición sempre percipiente, aberta ás correntes artísticas.

Agora que ninguén parece disposto a asumir con ecuanimidade os acertos e erros do pasado, adoptando sempre unha actitude estéril de pedir perdón —mesmo parece que teríamos que nos arrepentir pola nosa Transición—, lembremos que houbo dous mestres composteláns coetáneos que foron obrigados a axeonllarse ante os ditados da Academia de Bellas Artes: Simón Rodríguez e Lucas Ferro Caaveiro. Deberían ser rehabilitados nunha sesión plenaria? Cando miramos cara atrás temos que eludir tanto a haxiografía que enxalza os feitos como a condena que borra a memoria.

O arquitecto que aspira á permanencia da súa obra non procura só unha loa incuestionable no seu presente, senón tamén que hoxe nos sigamos preguntando como proxectou a composición e a construción do seu edificio. Responder a esa cuestión é clave para entender que é a arquitectura.