Devolvédeme o frío

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Carlos Díaz | EFE

05 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Devolvédeme o frío. Tamén a chuvia e o vendaval. Deixade que a calor ocupe o seu tempo. Necesitamos unha natureza ordenada. A miña madriña sabía perfectamente cando era o tempo de sementar os pementos, as leitugas, botar as patacas, recoller as fabas, ou matar o porco. Porque a vida estaba estruturada segundo unha orde lóxica.

Procedemos dos celtas. Non é unha parvada iso das estacións nin os ritos aos equinoccios. O ciclo da vida tiña un sentido, un xeito. Non podemos pretender darlle a volta, coma se quixeramos atrasar a agullas dun reloxo, única acción necesaria para camiñar ao ritmo das antípodas, se quixeramos.

Devolvédeme os invernos cheos de frío, co nariz vermello, as orellas conxeladas, os pés húmidos. Que volvan os camiños cheos de lama, a ilusión por se hoxe en lugar de sarabia caesen folerpas.

Cando nena, unha vez nevou na vila, ao nivel do mar. Fora todo un acontecemento. As clases mudáranse por unha excursión á praia, coa area tinxida de branco.

Hoxe tomamos o Sol en xaneiro e non nos sorprende. De todo o asunto, quizais é isto o máis sorprendente. Deberiamos estar traballando para restaurarlle a normalidade á natureza. Urxe!

Si. É unha emerxencia. Nas rías incrementouse a temperatura notablemente. Algúns animais acuáticas empezan a migrar, hai especies de algas que poden morrer... O ecosistema está en perigo. Tema recorrente é o nivel de reserva nos encoros. Vaia, razóns para preocuparnos non nos faltan. Pero sae unha raiola e nós corremos á praia broncearnos.