Fun a dúas misas en Quito, a dunha igrexa situada nun barrio residencial, e a celebrada na capela do centro comercial dun barrio máis popular. As dúas foron cantadas. A primeira durou unha hora, os cánticos están gravados e pódese seguir a letra a través dunha gran pantalla. Os fregueses participan neses cantos. As lecturas da misa corren a cargo de persoas seleccionadas non sei con que criterio: as palabras longas líanas aos tombos e con acentuación distinta á do castelán de España. O sacerdote dirixiuse en varias ocasións aos fregueses facéndolles preguntas sobre as lecturas da misa, que eran contestadas por persoas que ocupaban as primeiras filas. A intres parecía unha catequese e a intres unha representación teatral, xa que os fregueses alzaban brazos e mans en xestos de ofrenda.
A misa popular, ademais de cantada foi bailada. Durou 45 minutos. Os fregueses, con gran entusiasmo, acompañaban os cánticos con palmadas e con movementos de todo o seu corpo. A capela estaba abarrotada, en cada banco xuntábamos sete persoas, non todas delgadas. Eu estaba nun extremo do banco e acabei batendo palmas e movéndome ao compás ao que todos se movían. O sacerdote, un ancián con acento arxentino e voz cansa, pareceume que miraba aos seus fregueses con resignación, e non compartía nin entusiasmo nin movementos. Sobriamente recitou as pregarias, fixo un breve sermón e despediunos coa bendición correspondente: «A paz sexa con vostedes». A min esta misa gustoume moito máis que a do meu barrio.