![](https://img.lavdg.com/sc/Sim5BZDAfLMH5-DOnI0xgDPOGJE=/480x/2024/02/08/00121707414902131256328/Foto/S20G3074.jpg)
Era o mellor roubando balóns na cancha, máis de oito de media nun partido, un neno marabilla do baloncesto. Con trece anos rozaba o metro oitenta de altura. As súas mans e mente destacaban pola lixeireza de movemento. Botou catro anos sen perder un partido. Aí, na fronteira entre a infancia e a adolescencia, foi forxándose a lenda de quen logo escribiría o seu nome na NBA: Ricky Rubio. Un auténtico portento desa disciplina. As súas accións no terreo de xogo precedíano. Os grandes, xa profesionais, sabían das súas reiteradas proezas. A ese neno marabilla non había que facerlle ningún oco, estaba gañando a pulso un lugar de seu. Foi o xogador de baloncesto máis novo en gañar unha medalla olímpica.
Medrou, como xogador e persoa, desde a serenidade. Mais ás veces, por moi optimista que te amoses, por moito que sorrías, hai unha couza rillando dentro. Era consciente de todo o que tiña e tentaba agarrarse a esa táboa de salvación. Insistíase a si mesmo que todo estaba ben. Mais Ricky é demasiado honesto. Sentíase mal, perdido. Así que parou. Para buscarse, para coidarse, para volver a reencontrarse.
Fixo un parón no máis alto da carreira, cando a vertixe é maior, nese punto no que a caída pode ser irreparable.
Agora, moi recuperado, regresa. Só cabe o aplauso, polo bo xogo que dará e pola melloría. Foi valente saber parar, todo un exemplo. Cando alguén diga «non podo máis», non pasedes o balón que lanza. Detede o partido. Mirádeo aos ollos e acompañádeo. A saúde mental non é un xogo.