Teño observado con frecuencia como as raíces, nun acto de rebeldía, levantan peitorís, lastros e lousas, alcorques e varandas, mentres as mesmas árbores vanse cubrindo sutilmente de liques e mofos e tragan os artefactos próximos. Síntome interpelado por esa unión entre natureza e artificio, que me parece un certo ritual de amizade e antagonismo ao longo do tempo. En última instancia, a arquitectura implántase como unha intrusa enriba dun solar, un campo ou un monte, esmagando o manto vexetal. Logo, cos anos, vanse mimetizando e chegan a un compromiso de convivencia.
Os muros e paredes que pechan fincas e conventos, vestidos co seu manto vexetal, suscitan unha mirada compracente, un sentimento de beleza romántica que non ten en conta o pulso que se está a xogar entre o natural e o construído. O elemento botánico suaviza a potencia dos paramentos pétreos, os liques, algas e mofos humanízanos e mesmo as herbas e arbustos parecen contribuír á súa estabilidade, pero é unha quimera. Cal é o límite temporal para quitar esas herbas, boas ou malas, como se acostuma a clasificalas erroneamente?
Cando as fachadas históricas adquiren unha pátina vexetal significa que chega o momento da intervención. A fermosura verdinegra que disfraza a pedra pasa a ser un veleno, un foco de biodeterioración cando a auga se infiltra entre ela e a parede. E non se reduce a unha cuestión de limpeza, senón de restauración, non é unha acción automática senón pensada porque, a partir do momento en que termina a obra, hai que seguir restaurando.
Que facer co patrimonio que tende a degradarse pola acción dos axentes externos? A solución máis fácil sería retirar a peza afectada, pero o remedio máis eficaz consiste en manterse vixilante, rexistrar a súa evolución e tomar as medidas de protección axeitadas para evitar danos maiores que logo, in articulo mortis, precisarían grandes investimentos.
O patrimonio non se limpa, restáurase, non se mantén, cóidase. Igual que acontece coas persoas de idade que necesitan asistencia, non se trata de mantelas con vida porque o seu destino natural é a morte, senón de coidalas para que poidan seguir ese tránsito vital con dignidade.
Imaxino que os coidados patrimoniais evolucionarán contando coa tecnoloxía. Hoxe xa se utilizan drons para observar, pero en breve permitirán intervir directamente sen ter que montar custosas estadas. Iso si, co pensamento por diante.