Pensamentos negativos: cando o cerebro nos pon trampas

Mª del Carmen González Hermo PSICÓLOGA SANITARIA E VICESECRETARIA DO COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA

OPINIÓN

Pedreda

23 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Que discreto es, corazón. Cen mil pulsacións ao día e non me dou de conta de que estás. Non coma o teu curmán o cerebro, que pensamento que fai, pensamento que mo fai saber.

O malo do cerebro non é que estea todo o día a pensar, xa que, ao fin e ao cabo, é a súa misión; o malo é que nos fai crer que todo o que pensa é verdade. Dixéronnos que os pensamentos serven para axudar a asimilar a realidade física e, deste xeito, poder relacionarnos de maneira adaptativa con ela. Pero, isto é realmente así, axúdannos sempre os pensamentos?

Que pasa cos pensamentos que nos vaticinan futuros terribles, ou cos que se quedan recordando pasados dolorosos que quixeramos esquecer?

Poderíamos dicir que estes pensamentos pretenden protexernos. Desde a psicoloxía sabemos que prever o futuro e coñecer as dificultades que imos atopar nun momento importante nos axuda a planificar a mellor maneira de conseguir un resultado positivo. Tamén sabemos que lembrar os acontecementos que nos causaron dano no pasado nos axuda a identificar os factores de risco e a aprender dos erros cometidos.

Estas funcións protectoras quedarían cumpridas con que os pensamentos se fixesen presentes unha única vez. Pero, no lugar disto, a nosa mente repíteos en bucle unha e outra vez, xerando no corpo unha sensación de indefensión e de incontrolabilidade do contorno que nos leva á ansiedade, á rabia ou á evitación.

Estes pensamentos inconclusos e repetitivos, aínda parecendo pensamentos lóxicos, lévannos a desorientar o corpo e a atrofiar a nosa conduta, facéndonos actuar ante situacións que non están no presente.

Frealos con outros pensamentos é unha tarefa case imposible, xa que, de tanto repetirse, teñen os camiños neuronais fortalecidos como «autoestradas da certeza», e para calalos necesitamos botar man do noso aliado máis presente, que é o noso propio corpo.

Os sentidos, a respiración, o equilibrio e os movementos conscientes permítennos recoñecer o presente e executar os actos de coidado e protección cara a nós mesmos, coa mesma intención que os nosos pensamentos tratarían de infundirnos. Poderíamos dicir que pensar co corpo nos axuda a actuar con cabeza.