Celestino e Millán Astray

Francisco Castro ESCRITOR

OPINIÓN

GOBIERNO DE ESPAÑA | EUROPAPRESS

26 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, nunha cerimonia solemne na que participou o mesmísimo Enmmanuel Macron como máximo representante do Estado francés, o español Celestino Alfonso foi inscrito no Panteón de París, ou sexa, dentro dun monumento nacional francés. O primeiro español en entrar alí. Polo feito de entrar pasa a ser recoñecido oficialmente como unha das persoas ilustres da historia de Francia. Coma outros, forma xa parte das persoas que se recoñecen, se estudan e glorifican para as xeracións presentes e futuras. Os seus méritos para tan alta distinción? Que loitou contra a ditadura franquista como membro das Brigadas Internacionais, pois, malia nacer en España, a súa familia emigrara a Francia. Non o dubidou e alistouse para vir a España a parar aos fascistas. Logo, este militante comunista foi membro da Resistencia contra os nazis, chegando a participar en operacións que deron morte a altos cargos das SS. O Estado francés, na cerimonia na que soltados uniformados de gala meteron o seu cadaleito no panteón, subliñou no seu comunicado a enorme gratitude de Francia aos españois que, coma el, deron a súa vida pola liberdade e contra o fascismo.

Este salmantino foi fusilado aos 28 anos polos nazis. No xuízo que lle fixeron, o presidente do tribunal (nazi) acusouno de formar parte do «exército roxo español». El retrucou que fora soldado da lexítima República española. Agora está incluído no Panteón de Homes Ilustres de Francia. En España, por suposto, a súa historia descoñecese.

O mesmo día que Celestino Alfonso entraba con todos os honores nese Panteón de París, o alcalde de Madrid rendía homenaxe pública a Millán Astray, fundador da Legión e un dos máis sanguinarios fascistas dos que temos noticia. Na capital de Francia honrábase a un antifascista. Na capital de España honrábase a un fascista. Coido que eses dous actos, vistos en conxunto, como estamos facendo aquí, explican bastante ben moitas cousas. Un é o país da Ilustración, o outro é o de «¡muera la inteligencia!», frase que non me saco da manga senón que foi pronunciada por Millán Astray diante de Miguel de Unamuno. A quen quería matar a intelixencia, a ese, foi a quen se homenaxeou na capital de España.

Oitenta anos despois, Francia recoñece como un heroe a un rapaz que deixou a vida para darnos un mundo mellor. Mentres, do outro lado da fronteira, aquí, o PP avisa de que vai suprimir, cando chegue ao goberno, a Lei de Memoria Democrática. Macron, no acto, dixo que Celestino era un «exemplo de liberdade, de coraxe e de amor». É marabilloso que o defina así. Porque o antifascismo implica amor á humanidade. A morte da intelixencia implica desprezo. Celestino é xa un home ilustre. En Francia. De morrer en España seguiría debaixo de quilos de terra, esquecido en calquera cuneta.