O mito do vinilo

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Marcos Creo

01 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai anos xurdiu a moda de recuperar discos de vinilo, mesmo a prezos elevadísimos. Ben que as xoias antigas teñan un alto valor sentimental (¿quen maior de sesenta anos non lembra como se bailaba nos guateques?). Ao tempo, espallouse que o son obtido deses estafermos ten maior calidade e calidez có procedente das gravacións feitas con procesamento dixital.

Pois non. Grande salto técnico foi a posibilidade de que o son obtido desde micrófonos se puidese gravar por medios electromecánicos nun suco de material plástico, e que os movementos dunha agulliña a penetrar no suco se transducisen electromecanicamente nunha corrente para amplificar. Pasadas décadas foise afinando o procedemento e conseguiuse a «alta fidelidade».

Con todo, ao apareceren os discos ópticos (CD) produciuse outro salto na calidade da reprodución que deixou noqueada aquela vetusta marabilla: un feixe de láser e unha superficie brillante con micropuntos sen brillo superan enormemente a agulla e o suco. Calquera forma de onda analóxica pódese converter en bits e os bits reconverter en onda analóxica. O tratamento dixital do son captado e reproducido reduce algo básico: o ruído. E xa hai anos produciuse o terceiro salto: os CD son historia, unha memoriña para USB abonda para levarmos no peto unha enorme discoteca en «hi-fi».