Dos pisos turísticos

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

OPINIÓN

MONICA IRAGO

O datos da renda media no Salnés demostran que non hai relación entre turismo, tal e como se entende, e a distribución da riqueza

03 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días deuse a coñecer a contía da renda media das persoas nesta comarca. Hai un dato rotundo para esta zona: non sendo no caso de Sanxenxo, que sobresae un pouco, non moito: os municipios turísticos non dispoñen de ingresos máis elevados que os da contorna e, ademais, son inferiores ás rendas medias de Galicia, baixas comparadas coas do resto do Estado. O Grove, e A Illa de Arousa resultan, como noutras facetas, exemplos claros de municipios asolados polo turismo, posiblemente por disporen dun patrimonio natural absolutamente fermoso, e os que reciben maior número de visitantes, dos de ida e volta no día.

Con estes datos estatísticos oficiais das rendas dispoñibles por persoa queda rotundamente claro que non hai relación entre turismo, tal e como se entende, e distribución da riqueza. Se a iso engadimos que os municipios receptores de turismo masivo teñen que gastar máis recursos económicos públicos para atendelo, restándollelos aos veciños, poñemos en dúbida que o actual modelo sexa sostible e que estea xustificado soportar os inconvenientes das ondadas de visitantes que dificultan a vida ordinaria onde hai masificación incontrolada.

Pódense intentar explicacións a esta falta de correlación entre a renda dos veciños e o turismo masivo. Igual se di que o traballo temporal que ofrece ese sector é precario, pero, en todo caso, iso reflicte a ausencia de políticas de creación de empregos estables e de medios para que industrias e autónomos dispoñan de facilidades para manter unha ocupación indefinida noutros eidos. Tamén se pode incidir en que os traballadores do sector non sexan declarantes por IRPF no municipio onde prestan servizos, que algo influirá, pero non parece que sexa un dato definitivo, porque os salarios do sector non superan a media. Pódese argumentar que o negocio turístico é un foco de economía somerxida e os ingresos reais non se declaran. Algo diso pode haber, como en todos os ámbitos, pero non semella que inflúa nas rendas medias dos traballadores, porque os ingresos derivados da hostalaría legalmente establecida —pagos: con tarxeta, a través de axencias, expedición de facturas— son fiscalmente transparentes. Tamén pode ser que a actividade turística se comporte como un burato negro e non deixe crecer ás demais.

Así que, tres datos: o turismo esixe investimento público en promoción e mantemento de condicións para que el mesmo exista, causa evidentes problemas aos veciños en canto teñen que compartir co turista espazos, patrimonio que eles conservaron e medios de vida, e non está demostrado que esas privacións beneficien aos municipios receptores.

Por outra banda, as autoridades —o sector turístico mal entendido, como ata agora, é un lobi— néganse a establecer taxas turísticas, cando son absolutamente xustas e necesarias para a defensa do contribuínte-residente. É imprescindible, pois, un estudo profundo do sector e da súa influencia na renda media e na vida ordinaria das persoas que residen neses destinos.

Pero non só a Administración debe paliar efectos negativos do turismo: tamén os particulares poden botar unha man. Por exemplo, ata agora permitíanse pisos turísticos onde fose, en canto non se distinguían tipos de alugamentos. O dano desa falta de diferenciación legal manifestábase en que nos lugares de afluencia turística resultaba complicado para xuventude, traballadores e pensionistas atopar vivenda en arrendamento, porque o turismo eleva ata prezos inadmisibles os alugueiros. Estes días a Sala Primeira do Tribunal Supremo ditou unha sentencia que dá armas para combater este problema. Di que o arrendamento de pisos turísticos, a diferenza do arrendamento para vivenda, é actividade económica —negocio— e que se os estatutos da comunidade de propietarios conteñen a prohibición de realización de actividades económicas, non poderá destinarse ningunha vivenda do edificio a piso turístico. Estaría ben que xurdise esa conciencia e as comunidades de propietarios modificasen os estatutos. Sería contribuír á riqueza e á convivencia dos veciños.