Tempo de mulleres

OPINIÓN

Matias Chiofalo | EUROPAPRESS

10 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Emilia Díaz Búa, de 36 anos, veciña de Vilaxoán, foi condenada a 100.000 pesetas de multa e 6 meses de prisión menor por delito de adulterio. O home levaba sete anos fóra da casa, na emigración, alonxado da familia. Cando chega é para poñer unha denuncia á muller, que vive con outro home e xa ten dous fillos del».

Así empezaba a reportaxe que Carmen Santos Castroviejo fixo a quen nos xornais da época denominaban «a adúltera de Vilaxoán» e que a revista Teima publicou a dobre páxina no número 4, en xaneiro de 1977. O feminismo galego (Asociación Galega da Muller) convocou ás poucas semanas unha manifestación en Pontevedra para denunciar un Código Penal que non só se consideraba obsoleto mais que non trataba da mesma maneira a situación no caso de que o adúltero fose o home. Neste caso a condena, sempre que a relación fose pública e notoria, consideraba a posibilidade de prisión menor. No caso de que a adúltera fose unha muller, a prisión ía de seis meses e un día a seis anos. Os que temos memoria daquel tempo lembramos estas situacións.

Antonte, Día Internacional da Muller, vin a película O corno, o filme de Jaione Camborda, Cuncha de Ouro no festival de San Sebastián, unha das máis prestixiosas distincións da cinematografía europea. Neste caso a historia céntrase nun aborto clandestino, ou mellor: na situación desesperada dunha mociña que queda embarazada, pide axuda para non ter a criatura, morre despois da intervención, realizada coa precariedade das prácticas tradicionais, e a muller que a axuda ten que fuxir do lugar onde vive (a illa da Arousa, 1971) para asumir un futuro incerto na marxinación e o desterro. A película é moito máis ca isto, excelentemente realizada e interpretada (Janet Novás), mais a cuestión de fondo (a indefensión e a vulnerabilidade dos que sufrían este tipo de situacións, sobre todo na Galicia rural) fíxome recordar a entrevista de Teima no ano 1977, e no que levamos avanzado neste tempo, que é moito, pero que non fica tan lonxe nin está tan superado como podemos pensar. Nada é irreversible.

 Na memoria recente teño outros dous filmes galegos que de distinta maneira abordan a precariedade da muller: Matria, de Álvaro Gago, cunha magnífica interpretación de María Vázquez, e Nación, de Margarita Ledo: a primeira centrada nos traballos do mundo do mar, na industria das Rías Baixas, e a segunda na loita das traballadoras de Pontesa, a fábrica de louza de Pontesampaio que pechou en 2001 e mobilizou sobre todo as mulleres operarias, na defensa dos seus dereitos e o seu posto de traballo. Os tres filmes están rodados en galego e son unha mostra non só da capacidade de creación e produción na nosa lingua senón da consciencia crítica do discurso dos nosos creadores (creadoras), nestes casos coa muller como protagonista.