É a escola actual peor que a de antes?

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

SIMÓN BALVÍS

13 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Vexo unha enquisa que fai a Fundación COTEC e que sinala que a meirande parte dos españois pensan que a escola de antes era mellor que a de hoxe, que un dos problemas máis graves hoxe é a «falta de respecto ao profesor» e que «non hai disciplina». A parte máis positiva das conclusións é que a meirande parte dos españois estarían dispostos a pagar máis impostos para que o ensino mellore.

É a escola actual peor que a de antes? Por suposto que non. Radicalmente, non. Sen entrar na cuestión do «efecto nostalxia», que fai que nos creamos que todo tempo pasado foi mellor, na escola de antes, cando menos na que viviu este neno do tardofranquismo, pegábase. Un dos métodos educativos que había era a violencia. A quen se portaba mal, ou non traía os deberes, ou polo que fose, se lle daba un lapote, coa regra nas unllas ou mandábanlle estar de xeonllos. Este que lles escribe pasou por iso. Tiven profesores que nun cuartel franquista serían castigados por animais. Estudei nunha escola unitaria ata os 13 anos, que foi a primeira vez que estiven nunha aula con rapazada do meu tempo. Un baño que era un buraco. Insalubridade e ausencia total de pedagoxía. E non lles estou contando nada que non viviran millóns de españois e moitos de vostedes que len este artigo.

O profesorado actual é o máis preparado de todos os tempos. Fan cursos de formación seguido e son moi conscientes da importancia social que teñen. Están en xeral implicados e dispostos a traballar arreo por sacar ao alumnado adiante. Hai becas, programas de adaptación curricular, recursos, nunca suficientes, mais hainos, para que o alumnado con problemas poida non quedar atrás. Aínda que moitos queden atrás.

Sen embargo, algo mudou radicalmente, si, fronte doutras épocas, e é a percepción social da importancia da educación. Quizais porque noutros tempos había tanto analfabetismo, as familias eran ben conscientes da importancia da educación e da figura do mestre. Hoxe, iso non acontece. O problema non é que o alumnado non lle teña respecto (na miña infancia a iso chamábaselle «medo»). O problema é que as familias non lle teñen respecto á educación. Moitas familias coidan que o sistema educativo é unha gardaría que acolle ás crianzas entre os 3 e os 16 anos. E sobre todo, moitas familias entenden que o asunto da educación non vai con eles.

O que mudou é que nas aulas hai unhas ratios de alumnado insoportable. O que mudou é que hai profesoras e profesores que fan xornadas interminables (porque tamén traballan na casa, non coñezo outro oficio onde haxa que seguir traballando na casa), teñen máis de 200 alumnos e cada vez máis e máis burocracia.

A educación agora é mellor. A idea do respecto social á educación, infinitamente peor.