No mes de abril, concretamente o 28, celebramos o Día internacional da Seguridade e Saúde no traballo. Unha data de vital importancia para as organización sindicais. Vemos como nestes últimos anos non paran de medrar os accidentes laborais, e dentro de estes, é non menos importantes, están os accidentes in itinere. No ano 2023 producíronse 3.149 accidentes in itinere con baixa laboral. Con respecto ao 2022 houbo un incremento do 17,94 %. Este tema tamén é seguridade e saúde no traballo.
Por que digo isto? Pola situación na que se atopan moitas das nosas estradas en Galicia, nomeadamente a A-6. Unha infraestrutura vital para a zona norte da nosa comunidade que está nunha situación deplorable. A cidadanía que a utilizamos de xeito cotiá vemos como o firme se atopa nunhas condicións que supoñen un risco evidente —buratos, firme gastado e desigual, etcétera—. Mais os que máis a sofren son os centos de traballadores e traballadoras de transporte por estrada que a utilizan todos os días, porque a prestación de servizo que realizan o fan mañá, tarde e noite.
Por iso, máis alá das competencias na materia, demandamos que Xunta e Goberno central deixen de xogar á política de «e ti máis» e se poñan mans á obra para solucionar un problema de vital importancia para esta comunidade. Estamos fartos de ser o vagón de cola das infraestruturas do país. Esperamos moitos anos e aínda quedan moitos detalles, para ter un transporte de ferrocarril decente. Queda aínda pendente o tema de cercanías; e agora sumamos o mantemento que se teñen que facer das nosas autovías.
A Dirección General de Tráfico encárgase de lembrarnos todos os días, como non podería ser doutro xeito, a importancia da precaución en estrada, de respectar os límites de velocidade, de poñer o cinto; mais isto ten que complementarse co bo mantemento das nosas estradas e autoestradas.