A guerra dos drons

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

YAKIV LIASHENKO | EFE

22 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os vehículos aéreos e mariños non tripulados (VANT e VMNT) xúntanse e reméxense co apelativo dron collido do inglés, mais hainos de moitos tipos e diversas aplicacións. Aínda así, teñen especificacións básicas comúns: a carga que poden transportar, a autonomía de traballo e a gobernabilidade entre base e obxectivo.

A guerra da Ucraína está a demostrar que, como arma, os drons desprazan avións, barcos, foguetes, torpedos e mesmo artillería. Na bestialidade bélica, a efectividade mídese en termos de destrución feita por prezo para conseguila. Cómpre minimizar custos e aí xorde unha tecnoloxía que se desenvolveu para fins pacíficos (supervisión, inspección, tomas de vídeo...) agora aplicada a usos militares. Cada día aparece un novo avance tecnolóxico nas plataformas voadoras e navegantes: aumentan a carga útil (explosivos) e a autonomía, directamente relacionadas; investíganse en novos acumuladores de enerxía, e minimízase o peso do sistema de guiado «alén do horizonte» valéndose da radiolocalización por satélites.

Ao longo da historia da humanidade, nas guerras sempre xurdiron inventos e perfeccionamentos con posteriores aplicacións na paz. Esperemos logo que a «operación especial» do tsar Putin nos traia, polo menos, un benévolo «salto cuántico» dos drons nun mundo necesitado deles.