Pasei varias horas folleando a espléndida revista Buen Humor, que se editou en Madrid de 1921 a 1931. Quería reler as colaboracións literarias de Manuel Lázaro, un autor que non aparece nos estudos da chamada «A outra Xeración do 27», integrada por humoristas como Ramón Gómez de la Serna, Jardiel Poncela, Mihura, Tono, Edgar Neville…, porque recordaba que o seu humor absurdo non era inferior ao dos colegas, e comprobeino. Manuel Lázaro quedou no esquezo cando en 1931 trocou o humor pola toga, ao gañar a praza de xuíz nunha vila de León, prescindindo do pseudónimo e recuperando o nome Manuel Martínez Gargallo. Os compañeiros despedírono alegremente, dicindo que no caso de sufrir novos procesos querían ser xulgados por el, «dado su humor y previsible benevolencia».
Rematada a Guerra Civil, o Réxime creou o Tribunal Especial de Prensa para facer a debida depuración e Martínez Gargallo foi nomeado xuíz instrutor polo coñecemento que tiña do medio. Un famoso xornalista proclamaba con fachenda: «La justicia de Franco es tan recta e inexorable como anchas su generosidad y clemencia». Non foi así en absoluto, e a proba está nos xuízos presididos por Martínez Gargallo, que non se mostrou benevolente nin cos anteriores colegas nin cos amigos. Ao debuxante Echea, que lle ilustrara varios contos, condenouno a morte. Ao médico e viñetista Joaquín Sama, home de ideoloxía liberal, protector de xente de dereitas durante o terror republicano e compañeiro de estudos no instituto, a doce anos. Entre as penas de morte que ditou están as dos escritores e xornalistas Diego San José, Eduardo Guzmán e Javier Bueno, e a do poeta Miguel Hernández.
A Javier Bueno fusilárono. A Miguel Hernández e Eduardo Guzmán xulgáronos nun consello de guerra con vinte e nove encausados, dos que dezasete foron castigados a morrer fusilados por un delito de rebelión militar. A ningún se lle permitiu falar. Eduardo Guzmán non puido advertir que o fiscal lle atribuíra xestións que non realizara; nin un xornaleiro do campo explicar que o relator e o fiscal non citaran o seu nome, que si aparecía nas peticións de penas de morte. Do exceso de celo do xuíz Martínez Gargallo fala o feito de que das trinta condenas a morte que ditou, dezanove serían conmutadas por penas de cárcere. Entre elas as de Echea, Diego San José, Eduardo Guzmán e Miguel Hernández. Pode que quen fai rir, se faga querer; pero falar, escribir, debuxar ou actuar con graza non significa que quen o fai é boa xente.
O día 28 cumpriranse 82 anos da morte de Miguel Hernández. Eu empezarei o día escoitando a Serrat nas nanas da cebola, e non volverei pensar nas humoradas de Manuel Martínez Gargallo.