Paseando a memoria dun clásico

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Siro López, nunha imaxe de arquivo na praza do Humor, na Coruña
Siro López, nunha imaxe de arquivo na praza do Humor, na Coruña ANGEL MANSO

31 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecín a Siro nos tempos da revista Teima, alá contra mediados dos anos 70, e el xa era un celebrado debuxante que colaboraba nos xornais e con quen sempre podiamos contar tratándose de ilustrar textos, cartaces, reportaxes, ilustracións e traballos a prol da lingua e o galeguismo. Teño diante de min unha fotografía do ano 1976, tirada na carballeira de Santa Susana en Santiago, o Día da Patria Galega, na que posamos xuntos Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Fortes Bouzán, Siro e mais eu, e unha xornalista que debe ser Xulia Díaz, con quen Siro daquela colaboraba nun programa en lingua galega en Radio Popular de Ferrol.

No dicionario da Real Academia Galega defínese «clásico», entre outras acepcións, como «mestre ou obra mestra dun campo do saber, da literatura ou doutras artes». Daquela, aínda que era moi novo, Siro xa era un clásico: na creación (fundamentalmemte no debuxo) e na reflexión, pois é dos nosos poucos artistas gráficos que dende moi cedo teñen teorizado sobre o seu traballo e o traballo doutros creadores, galegos e non galegos, moi principalmente Castelao. Nas páxinas da revista Grial, nos primeiros anos 70, xa estaban as reflexións teóricas de Siro.

Dicía Vicente Risco que o «humor é a defensa dos indefensos», o que explica en gran medida, segundo este autor, o talante humorístico dos galegos, principalmente a retranca, que con tanta intelixencia tratou Celestino Fernández de la Vega nese libro magnífico que é O segredo do humor (1963). Nesta liña está a obra e o pensamento de Siro, na tradición ensaística de Castelao sobre o tema: Humorismo, debuxo humorístico, caricatura (Publicacións da RAG, 1920). «A caricatura é unha arte superior —escribe Castelao—, consciente, baseada na simplicidade, que suprime o inexpresivo, selecciona, non esaxera senón que escolle».

O pasado venres tiven a honra, xunto con outros visitantes, de pasear a exposición antolóxica Siro. Oitenta e un anos e un lapis, que hoxe se clausura no Kiosko Afonso, na Coruña: unha viaxe (un delicioso paseo) pola traxectoria e a produción dun dos nosos grandes artistas do debuxo e as técnicas da pintura (oleo, témperas, tinta, acuarelas) ao servizo dunha extraordinaria capacidade de observación e análise, na liña que apuntaba Castelao, e na gran tradición do debuxo e a caricatura europea e americana dende o século XIX (John Tenniel, James Gilray, Simplicissimus) ata os nosos días, nos que o viñetista ou ilustrador gráfico é ás veces editorialista principal (Le Monde). Siro é algo máis ca un caricaturista, é un retratista das persoas e o mundo. Sen renunciar nunca á nosa lingua e ao compromiso co seu país, constitúe a gran referencia contemporánea da nosa tradición (Castelao, Maside, Tomé, Cao Luaces, Torres, Cebreiro...), por non citar a brillante nómina de contemporáneos vivos.