A empresa que explota a autoestrada AP-9 acaba de presentar as súas contas anuais correspondentes ao 2023. Son un escándalo que demostra o espolio ao que somete non só aos usuarios da autoestrada, senón ao conxunto do país. A empresa gañou 110 millóns de euros antes de impostos, a cifra máis alta da súa historia. Pero o máis relevante son as abusivas marxes que aplica, porque os seus beneficios equivalen ao 57 % dos seus ingresos: a empresa gaña 57 euros de cada 100 que factura, algo realmente raro porque o valor medio de beneficios sobre vendas nas empresas españolas é do 6 %.
A rendibilidade sobre vendas da autoestrada multiplica por 10 veces a cifra media das empresas españolas, cos datos da Central de Balances do Banco de España.
É un negocio extraordinario baseado en cobrar peaxes moi elevadas e custos moi baixos, porque ten uns gastos de persoal e de mantemento reducidos. Estas marxes tan elevadas só se explican polo carácter de monopolio que ten a AP-9, que xa se preocupou de que non exista unha alternativa real de transporte por estrada no eixo atlántico.
O uso da autoestrada é moi caro para os usuarios, pero por iso mesmo se converte nun enorme negocio para os seus accionistas, que na súa maioría son fondos de investimento estranxeiros. A empresa non utiliza os seus enormes beneficios en capitalizarse ou investir, senón que os destina a repartir dividendos. No 2023 retribuíu con 71 millóns de euros aos seus accionistas, unha cifra equivalente ao 87 % do seu beneficio neto.
Pero tal vez o feito máis relevante, máis indignante en realidade, é que unha boa parte deses beneficios abusivos débense á achega de recursos públicos, isto é, ao diñeiro que entregan cada ano tanto o Goberno central como a Xunta co obxectivo de reducir as peaxes que pagan os usuarios da autoestrada.
É difícil de entender, pero en conxunto as Administracións públicas pagáronlle á empresa concesionaria da autoestrada case 60 millóns de euros só no 2023. Esta enorme cantidade de recursos públicos financia as diferentes medidas adoptadas para reducir o custo das peaxes do que se benefician os particulares e as empresas de transporte. Unha política de subvencións que ten un elevado custo público e un enorme beneficio privado porque máis de 1 de cada 2 euros que gañou a empresa pagámosllo entre todos cos impostos.
É un negocio redondo: canto máis se bonifican as peaxes, máis gaña a empresa e máis caro nos resulta á cidadanía. Unha cifra final: aínda baixando as peaxes actuais á metade, a empresa aínda se situaría por encima da rendibilidade media sobre ingresos das empresas españolas.
A explotación privada do principal eixo de articulación do transporte por estrada de Galicia é unha anomalía, pero facelo con peaxes abusivas e subvencións públicas é un espolio que vai seguir crecendo ata o 2048, porque as sucesivas prórrogas, sobre todo a que aprobou o goberno Aznar no ano 2000, elevaron o período da concesión para explotar a AP-9 ata os 75 anos.