Pregúntome se os líderes políticos que participaron na Segunda Guerra Mundial decatáronse de que o conflito bélico que se iniciou coa invasión de Polonia por parte de Hitler era en realidade unha guerra na que morrerían 70 millóns de persoas. Nestes días de abril do 2024, cando a primavera fai que nas cidades broten entre as gretas do asfalto pequenas follas verdes, pregúntome se Biden e Trump son conscientes de que eses mísiles iranianos que cruzan os ceos de varios países para ir estrelarse contra o escudo anti-mísiles de Israel poden ser o comezo dunha terceira guerra mundial. Biden, que de cando en vez dá un pequeno trote para tentar demostrar a súa boa forma física, parece un autómata. O seu rostro é unha máscara inmóbil, probablemente por mor da maquillaxe e do bótox. E Trump pásase a vida nos xulgados onde se lle acumulan os cargos contra el. Os políticos recomendan prudencia e moderación. Queren converter o episodio de vinganza de Irán nun feito puntual sen maiores consecuencias, e premen a Israel para evitar unha resposta armada. Pero a lei do Talión , o «ollo por ollo e dente por dente», está gravada a lume no ADN dos países islámicos.
Teño a impresión de que moitos líderes políticos pensan que as guerras son como os incendios nos bosques: non hai que apagalos. Hai que deixar que se apaguen sós porque iso é bo para o terreo. O planeta Terra é pequeno e os seus habitantes demasiados. Convén que de cando en vez se eliminen uns cuantos millóns de individuos. Deste xeito, os que sobreviven poden vivir máis cómodos.
En fin...