Dende que o Paco Mariló regresou de Pamplona, hai días, na cuadrilla estamos nun sen vivir. Non fala doutra cousa. Dixo que durante a viaxe a Navarra sufriu un exceso de cultura e que non conseguía sacala da cabeza. Todos rimos. Porén, de seguida comezamos a sentir preocupación. Non fala doutra cousa. Camiñamos por Verín; observa calquera forma semicircular e deseguida afirma: «Arco de medio punto. Moi utilizado na arte románica». Se ve formas puntiagudas, asevera: «Gótico». O gótico, segundo o Mariló, pode ser tardío, moi tardío, prematuro ou precoz. As marabillas de Pamplona xa nolas resumiu varias veces. A catedral, a Praza do Castelo, a igrexa de San Saturnino. Tamén estivo en Olite e en Javier, cousa que nos marabillou porque na cuadrilla poucos sabían da existencia desa vila. «Espléndida, o seis de novembro de 1982 Juan Pablo II visitou a localidade», aegurou con locuacidade o Mariló. Nós intentamos cambiar de tema. Non había forma. «Que vulgares sodes! Ou fútbol ou política. Parvadas. O único que importa é a cultura». O Juan Ramón, que tanto o botou de menos, distanciábase del. Tamén nos comentou do frontón, dos espárragos e das alcachofas. Aprendimos que o patrón da cidade era San Saturnino, e non San Fermín, como pensabamos a maioría. Calou un pouco e fomos paseando ata a praza. No Gandainas encontramos ao Nicolás. O Mariló sempre dixo que no seu pobo, en Queirugás, eran moi amigos. Pensamos que lle ía dar un abrazo porque levaba tempo sen velo. Non foi así. Díxolle: «Nicolás, en Pamplona hai unha igrexa que leva o teu nome. Século XII. Exterior gótico e trazos románicos». O Nicolás mirounos. Nós encollemos os ombros. Non puidemos dicir nada.